España é líder en Europa en reutilización de produtos tecnolóxicos

España é o primeiro país europeo en priorizar a reutilización de aparatos electrónicos e eléctricos fronte á súa reciclaxe. A partir do 2017, os fabricantes de tecnoloxía deberán reacondicionar unha parte de todos os dispositivos que se produzan no país.

O Goberno marcou como obxectivo, “a reutilización do 3% dos produtos informáticos e pequenos electrodomésticos e, do 2% no caso de grandes aparatos eléctricos para o próximo ano”, incrementándose nun punto, respectivamente, no 2018, tal e como apunta a compañía Back Market.

Aínda que é unha “pequena porcentaxe”, supón que España lidere o reacondicionamento de produtos tecnolóxicos fronte ao resto de países europeos. “A reutilización de aparatos tecnolóxicos converteuse hoxe en día na única alternativa fronte a un sistema de reciclado ineficaz para reducir os niveis de lixo electrónico”, sinala o CEO de Back Market, Thibaud de Larauze.

O crecemento no volume de lixo electrónico, sumado á fraude e aos elevados custos que se dan no proceso de reciclaxe en España, levou as institucións a buscar alternativas para a redución destes residuos. “Hai que recordar que este é o residuo que máis crece actualmente en España, en torno a un 20% cada ano”, apostila o CEO.

Para reducir esta contaminación, o Goberno xa introduciu cambios na lei de tratamento de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE), para antepoñer a reutilización de aparatos electrónicos fronte aos procesos de reciclaxe e así fomentar o consumo máis eficiente dos aparatos tecnolóxicos, alongar a súa vida útil e frear o crecemento do lixo electrónico.

“A nova lexislación supón un avance importante, aínda que non é suficiente se non se perseguen as prácticas ilegais que converten en desfeitos, aparatos que se poderían seguir utilizando, ou se non se crea unha lei contra a obsolescencia programada, que castigue os fabricantes que limitan a vida útil dos seus produtos de forma premeditada”, declara De Larauze.

Back Market recorda que case a metade dos países da Unión Europea non cumpren a regulación establecida pola directiva de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (WEEE) sobre o seu tratamento. Ademais, as sancións que se impoñen “non son o suficientemente duras”. A excepción neste caso é Francia, onde se castiga as empresas que levan a cabo estas prácticas con penas de prisión ou multas que alcanzan os 300.000 euros.

(Fonte: EP)