O informe anual da OEP destaca que o crecemento das solicitudes españolas superou con creces a media europea (0,3%). Non obstante, segue moi afastada dos países europeos que lideran a innovación, como Alemaña (24.820 solicitudes), Francia (10.781) e Holanda (7100).
Ademais, o documento destaca que o número de patentes concedidas a empresas e investigadores españois alcanzou o seu punto máis alto en 2015 e creceu un 11,8%, traducíndose en 522 patentes concedidas.
Produtos farmacéuticos, transporte e biotecnoloxía
Con 47 solicitudes, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) foi o solicitante máis activo o pasado ano, seguido pola compañía de viaxes Amadeus (34) e de Telefónica (31).
En canto a universidades, a Autónoma de Barcelona foi a máis avantaxada e situouse no sexto posto, con 18 solicitudes. Segundo o informe, obsérvase que as institucións académicas de investigación xogaron de novo un papel clave” no impulso das invencións españolas”.
Os campos con maior número de solicitudes de patentes españolas foron os produtos farmacéuticos, o transporte e a biotecnoloxía.
Respecto a comunidades autónomas, Cataluña tivo unha cota do 34% de todas as solicitudes de patentes españolas, liderando o ranking rexional seguida de Madrid (24%) e o País Vasco (13%).
Na clasificación de cidades, Madrid lidera con 351 solicitudes de patentes mentres que Barcelona queda nunha segunda posición moi axustada con 350.
En total, o número de solicitudes de patentes europeas elevouse a 160.000, cun incremento do 4,8%. O crecemento foi impulsado principalmente por empresas de EE UU (16%) e China ( 22%).
Protección de alta calidade
Os cinco principais países solicitantes de patentes na OEP son EE UU, Alemaña, Xapón, Francia e Países Baixos. “O notable crecemento nas solicitudes de patentes na OEP demostra que Europa segue sendo un centro importante para innovadores de todo o mundo, e un mercado atractivo de tecnoloxía”, sinalou o presidente da OEP Benoît Battistelli.
Batistelli tamén desatacou que os resultados “reflicten o interese das empresas e dos inventores de optar por unha protección de alta calidade para as súas patentes no mercado europeo”
A compañía holandesa de electrónica, Philips ascendeu ao primeiro posto na lista das empresas con máis solicitudes de patentes na OEP en 2015, adiantando á coreana Samsung que pasou a segundo lugar. A multinacional alemá Siemens retrocedeu ao quinto lugar, superada pola coreana LG e a chinesa Huawei.
(Fonte: SINC)