Nesta edición de Galiciencia participan 104 proxectos: 50 presenciais e 20 online de Secundaria e Bacharelato; e 30 presenciais e 4 en liña de Primaria. Hai propostas moi variadas e dos campos máis diversos, aínda que a maioría se centran na ciberseguridade. Así, un equipo ideou un labirinto interactivo que simula o interior dun dispositivo, para ensinar á mocidade a protexer a súa identidade dixital. Hai varias aplicacións para evitar estafas e poder navegar na rede de xeito seguro; outra permite analizar as fotos antes de publicalas co fin de detectar posibles riscos para a privacidade; unha páxina web determina en tempo real a seguridade dos contrasinais… Tamén destaca un semáforo impreso en 3D que transforma o risco dixital en sinais visuais e sonoros. Un grupo está a poñer a proba aos asistentes, demostrando como a intelixencia artificial é capaz de crear imaxes, sons e mesmo olores que identificamos como reais.
O protagonismo das novas tecnoloxías
As novas tecnoloxías son sempre protagonistas en Galiciencia. Un equipo propón unha caixa intelixente para transportar os restos que aparecen nos xacementos arqueolóxicos. Outro converteu o seu instituto nun gran xogo dixital: construíron unha maqueta interactiva do centro para axudar a resolver e comprender conceptos matemáticos de xeito lúdico. Un grupo desenvolveu un museo virtual para dar a coñecer a riqueza histórica do seu concello. Outros construíron unha caixa de Faraday, que anula o campo eléctrico no seu interior, para gardar os teléfonos móbiles na aula. Un equipo deseñou emisoras de radio caseiras, independentes da rede eléctrica, de utilidade nunha situación de emerxencia na que fallen os sistemas de comunicación habituais. Unha caixa que incorpora diferentes sensores permite realizar un seguimento diario da nosa saúde.
Son varios os proxectos vencellados ao medio ambiente e a sostibilidade. Así, expóñense diferentes propostas para detectar, previr e recuperar o solo queimado tras un incendio forestal: uns rapaces amosan como aproveitar as cinzas para fabricar ladrillos; outros desenvolveron unha espuma de orixe vexetal con alto poder ignífugo, capaz de cubrir a vexetación e axudar a frear a propagación do lume… Un equipo creou unha boia para controlar a calidade da auga en acuicultura, co fin de garantir a saúde dos organismos mariños. Un dos proxectos baséase na recuperación de auga residual en edificios para convertela en enerxía, outro propón a utilización de plantas para depurar auga contaminada, e un sistema de rega intelixente aforra o consumo de auga e optimiza o coidado das plantas.
Hai propostas tan curiosas como un esmalte de uñas vegano, elaborado con ingredientes naturais, que evita os riscos para a saúde que provocan os compostos químicos de moitas lacas comerciais. Un dos equipos estudou os restos de naufraxios na ría de Vigo. Outro investigou se a cor dos ollos afecta ao desenvolvemento de enfermidades visuais. E tamén hai proxectos de impacto social, como o uso da música para mellorar a memoria das persoas maiores; ou un sistema intelixente para regular a temperatura da calefacción, adaptado ás persoas maiores ou con necesidades especiais.
Os máis pequenos están a coñecer trucos para elaborar contrasinais seguros
Ademais do concurso de proxectos, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. O alumnado de Primaria e Educación Especial está a participar en dous talleres diferentes. Por un lado, están a coñecer diferentes trucos para elaborar contrasinais orixinais e o suficientemente seguros como para resistir posibles ciberataques.
Por outro lado, a rapazada está a coñecer a realidade dos “cibercebos”, informacións falsas que buscan a nosa atención para lucrarse. Neste obradoiro os participantes están a recibir as claves para saber cando e onde debemos clicar, e cando non.
Mañá xoves, o espectáculo de ciencia poderá seguirse por streaming
Mañá xoves, entre as 11 e as 12 horas, vaise celebrar un novo espectáculo de ciencia para alumnado de Secundaria, FP e Bacharelato. Poderá seguirse a través da canle de Youtube de Tecnópole (https://www.youtube.com/tecnopole). Ademais, terá lugar a final do desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!”, no que durante os últimos meses participaron de xeito on line equipos de 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia.