Comeza Galiciencia 2026, centrada na “Ciberseguridade”

Galiciencia 2026 celébrase do 13 ao 15 de maio, en colaboración coa Consellería de Economía e Industria. Esta edición, na que tamén se pode participar en liña, versará sobre a “Ciberseguridade”, en liña co futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se está a construír en Tecnópole. Trátase dun tema moi sensible que afecta non só ás empresas, senón ao conxunto da cidadanía, posto que, co avance das novas tecnoloxías, estamos cada vez máis expostos a ataques maliciosos a través dos nosos dispositivos. Con proxectos vencellados a este e outros temas van participar uns 180 rapaces e rapazas de 63 centros de toda Galicia, xunto a un equipo procedente de Barcelona. Ademais, asistirán á feira con visitas organizadas máis de 1600 persoas.

Concurso de proxectos: 50 propostas competirán polo premio final

Nesta edición seleccionáronse un total de 104 proxectos. De maneira presencial concorren 50 proxectos de Secundaria e Bacharelato -que serán os que compitan polo premio final- e 30 de Primaria. De xeito online participan 24 propostas. As diferentes actividades, tanto presenciais como en liña, aglutinarán este ano a máis de 3.500 participantes.

Durante estes tres días os equipos seleccionados para amosar os seus traballos científicos en Galiciencia exporanos nos stands da feira. Explicarán as súas propostas ao público visitante, ensinándolles os seus prototipos, experimentos e resultados. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.

Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, a proposta co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto dentro da temática da “Ciberseguridade”, así como o mellor traballo liderado por unha nena ou coa temática relacionada coa igualdade de xénero -en liña co afán de Tecnópole de promocionar o STEM feminino-. Ademais, galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os participantes en liña.

Ciencia divertida durante tres días

Ademais do concurso de proxectos, como cada ano, a feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. Así, realizaranse talleres científicos, espectáculos de ciencia, concursos diversos e ata un programa de radio.

O xoves celebrarase a final do Desafío científico “Atrévete coa ciberseguridade!”. Durante os últimos meses alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia participou nunha primeira fase online que constaba de tres retos. Os finalistas enfrontaranse agora nesta derradeira fase, que será presencial.