Envases de plástico 100% biodegradables a partir do excedente da produción de queixo

Investigadores do proxecto LIFE+ WHEYPACK queren demostrar que é posible desenvolver envases plásticos para produtos lácteos 100% biodegradables e viables economicamente, a partir do soro de leite derivado da produción de queixo.

O proceso de fabricación do queixo xera de media, da produción dunha tonelada de queixo, 9 toneladas de soro de leite. Só en Europa se estima que se producen anualmente 75 millóns de toneladas de soro de leite procedente dos fabricantes de queixo. Aínda que parte deste subproduto volve novamente á cadea alimentaria para a realización doutros produtos lácteos, preto do 40% do soro é desbotado e xestionado como residuo nas industrias alimentarias.

O proxecto europeo LIFE+ WHEYPACK é un proxecto cuxo principal obxectivo  é demostrar que pode fabricarse un novo envase para produtos lácteos con materiais 100% biodegradables, que permitan un menor impacto ambiental e diminuír a pegada de carbono dos envases plásticos tradicionais, procedentes de recursos non renovables como o petróleo, utilizando os excedentes de soro para xerar o novo material do envase.

En concreto, o material sintetizado para a fabricación destes novos envases será o polihidroxibutirato (PHB) que se obterá tras un proceso de fermentación de microorganismos a partir do soro de leite.

A gran cantidade de excedente de soro xerado pola industria láctea provoca que este subproduto se converta nun problema de desperdicio de alimento para as empresas do sector. Con este proxecto, o propio xerador do residuo podería obter un beneficio, dándolle un novo valor engadido a este subproduto ao convertelo, a través dun proceso de bioprodución controlada, nun novo material para envases de queixos, ambientalmente sustentables, viables economicamente e que cumpran as funcións de seguridade, calidade sensorial, vida útil… propios dos produtos lácteos.

Colaboración interrexional

O proxecto WHEYPACK, dado o seu carácter ambiental, está apoiado polo Programa LIFE+ da Unión Europea. Ten unha duración de dous anos e medio e está liderado por Ainia Centro Tecnolóxico (España). Conta coa participación dun equipo multidisciplinar con ampla experiencia en tecnoloxía alimentaria, bioprocesos, microbioloxía, análises químicas, envases plásticos e sistemas de envasado alimentario. En concreto, a empresa Central Queixeira Montesinos (España), o centro tecnolóxico Aimplas (España) e a empresa de envases Embalnor (Portugal).

(Fonte: Ainia)