No nicho das enerxías renovables atopou o seu espazo a empresa ourensá Solgaleo. Creada no ano 2018, está en plena fase de crecemento con tres liñas de traballo diferenciadas e que abranguen desde a simple subministración enerxética a empresas e particulares até o autoconsumo. Unha terceira vía de negocio ten que ver coa xestión de residuos e os equipos de contenerización.
A súa aposta para diferenciarse no mercado pasa por un servizo integral. O primeiro paso é o da subministración eléctrica. A firma non é comercializadora, pero conta cun socio co que traballa en exclusiva. Trátase da empresa Gesternova Energía. Actualmente contan con 600 clientes que reciben a subministración a través da súa oferta. Entre os seus clientes atópanse a Diocese de Ourense, que deu un paso máis aló chegando ao apartado de autoconsumo coa instalación de paneis solares en parte dos seus edificios, ou adegas como Pazo de Rubianes.
O seguinte chanzo na súa oferta de negocio ten que ver co autoconsumo e a aposta polas enerxías renovables, desde o consumo fotovoltaico até a xeotermia. Neste campo, a firma atópase nunha fase de investimento e de ampliación de equipo profesional. «Estamos con proxectos xenuínos con granxas, adegas, particulares e tamén cada vez máis en pemes», resume Germán Rodríguez-Saá, presidente de Solgaleo.
Que beneficios logra unha empresa apostando polo autoconsumo? Desde Solgaleo poñen un exemplo práctico dunha instalación que acaban de pór en marcha nunha empresa do Parque Tecnolóxico de Galicia. Colocaron 32 paneis solares nos tellados de Aukor, automatización e control industrial, o que supón unha potencia instalada de 13,12 quilowatt de pico. O consumo actual anual do cliente é de 35.544 quilowatts por hora ao ano. Con este proxecto xerará o 32% das súas necesidades (11.417 quilowatts por hora ao ano). Isto supón que amortizará o investimento en 5 anos e, a partir dese momento, esa porcentaxe de consumo enerxético sairalle gratis cun horizonte temporal de produción garantido a 25 anos.
Fonte: La Voz de Galicia