Endesa Hackathon busca ideas para optimizar o uso da enerxía

Endesa abriu a convocatoria do seu primeiro Hackathon, un encontro que reunirá o 27 e 28 de novembro ao mellor talento innovador para desenvolver solucións novidosas que permitan aos clientes optimizar o uso que fan da enerxía, aproveitando o novo sistema de facturación horaria en España.

Segundo informou a compañía, esta convocatoria abre a fase de selección dos 40 mellores candidatos que participarán, divididos en grupos de catro persoas.

Os programadores, emprendedores e creativos interesados poden inscribirse na plataforma Endesa Energy Challenges, creada de xeito específico para estas iniciativas. Endesa Hackathon é o primeiro dunha serie de retos que se lanzarán dende esta plataforma.

O prazo de inscrición para o primeiro Endesa Hackathon finaliza o próximo 15 de novembro e a comunicación dos seleccionados realizarase o 23 dese mes. Posteriormente, os seleccionados competirán durante dous días e o equipo gañador recibirá un premio económico de 6000 euros, mentres que aqueles que obteñan a segunda e terceira posición recibirán 3000 euros e 1000 euros, respectivamente.

Por outra banda, adiantaron que o encontro contará coa presenza de expertos internacionais que coordinarán os traballos seguindo as últimas metodoloxías de innovación, como o Design Thinking, axudando deste modo a que o cliente se converta no centro das solucións que ofrecerán as mentes máis innovadoras.

O Design Thinking é unha disciplina de innovación para facer coincidir as necesidades das persoas co que é tecnoloxicamente factible e co que unha estratexia viable de negocios pode converter en valor para o cliente e nunha oportunidade para o mercado, segundo especificou.

Finalmente, a compañía apuntou que Endesa Energy Challenges conta co Endesa Datathon, un concurso de innovación orientado a fomentar o desenvolvemento de aplicacións, modelos de negocio ou calquera outra proposta que achegue valor aos clientes de Endesa e que estea orientada ao mercado eléctrico español. Estas propostas estarán baseadas na análise dos millóns de datos simulados de usuarios procedentes das novas lecturas horarias.

(Fonte: Europa Press)