Ábrese o prazo para que ata 15 empresas galegas accedan ao programa de internacionalización “Galicia Avanza”

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas “Galicia Avanza” iniciábase en 2022 impulsado pola Consellería de Economía e Industria -a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -sociedade participada pola Xunta de Galicia-. Acaba de abrirse o prazo da quinta convocatoria, á que poderán acceder un total de 15 pequenas e medianas empresas consolidadas ou startups. As solicitudes deberán presentarse ata o 25 de xullo a través da páxina web https://tecnopole.gal/galiciaavanza.

O obxectivo deste programa, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Á hora de seleccionar ás pemes, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no eido internacional. Tamén se primará a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal e o nivel de implicación das empresas beneficiarias na metodoloxía do programa.

As empresas beneficiarias participarán durante oito meses nun programa integral de apoio personalizado

“Galicia Avanza” ofrece un programa integral de apoio á internacionalización de oito meses de duración, con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, protección das marcas e deseños industriais ou intelectuais, así como a estratexia de acceso ao mercado. Traballarase así mesmo na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como na captación de financiamento externo, entre outros aspectos. Ao longo do programa, as empresas participantes tamén recibirán mentorización, asesoramento e formación comercial e técnica.

Durante os dous primerios meses, titores expertos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas, segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades identificadas, a empresa levará a cabo as actividades definidas no seu plan de acción e farase un seguimento do mesmo. De xeito paralelo, as firmas beneficiarias poderán acceder a unha carteira de consultores expertos en diferentes materias e recibirán formación en temáticas relacionadas coas necesidades detectadas nos diagnósticos.

Nas catro edicións anteriores do programa impulsouse a internacionalización dun total de 111 pemes de toda a comunidade, pertencentes aos sectores máis diversos.