Tecnópole abre a súa piscina o vindeiro domingo, 14 de xuño. Durante esta primeira xornada, a entrada será gratuíta para todo o público. Comeza así a súa temporada de verán, que se prolongará ata o 30 de agosto. As instalacións permanecerán abertas todos os días da semana, en horario de 12.30 a 20.30 horas.
A piscina descuberta de Tecnópole ten 25 metros de longo e 12,5 metros de ancho. Dispón dunha ampla zona de praia de herba natural e espazo para parasoles e hamacas. A entrada é de 2 euros e o pago pode realizarse en efectivo ou con tarxeta.
As instalacións deportivas do Parque
Tanto a piscina como o resto de instalacións deportivas do Parque -pista polideportiva descuberta e dúas pistas de tenis- están abertas ao público en xeral. No caso da cancha de tenis, pódese reservar o uso por horas de calquera das dúas pistas, de xeito persoal ou a través do teléfono 988 368 161, e ten un custo de 2 euros. Pola súa parte, a pista polideportiva, que conta con dúas porterías e catro canastras de baloncesto, é de acceso libre sen custo.