Os promotores dos premios queren recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xorde dende os grupos de investigación universitarios.
No apartado de Idea Emerxente, os premios Galicia Spin-off distinguirán a creación dunha nova spin-off ou empresa vinculada ao ámbito universitario ou a aplicación dun novo coñecemento, proxecto ou idea desenvolvida recentemente. A empresa gañadora recibirá 2000 euros en metálico, unha peza de deseño exclusivo e unha oferta de financiamento do Banco Pastor. Tamén haberá un finalista neste apartado que recibirá unha peza de deseño exclusivo e unha oferta especial de financiamento do Banco Pastor.
O ano pasado a empresa gañadora neste apartado foi a compañía coruñesa All Genetics, vinculada á Universidade da Coruña e que realiza investigacións na área do xenoma, e a finalista foi Lupeon, unha empresa que opera no campo da impresión 3-D.
O apartado Selo de Calidade premiará aquela empresa que consolidara ao longo do tempo unha traxectoria empresarial de prestixio. A gañadora recibirá unha peza de deseño exclusivo e unha oferta especial de financiamento do Banco Pastor. O ano pasado resultou gañadora neste apartado a empresa compostelá Galchimia, cunha longa traxectoria no campo da Química Orgánica.
As empresas interesadas en participar nos premios terán que remitir a súa candidatura á dirección de e-mail galiciaspinoff@gmail.com e obterán toda a información necesaria no portal GCiencia, na sección Galicia Spin-off do seu site Empresa.
Entre os datos que se solicitan aos participantes atópanse unha breve descrición da actividade da empresa e dos méritos que xustificarían a concesión do premio. Ademais, poderán achegar documentación complementaria para xustificar a súa candidatura. Un xurado formado por autoridades do mundo universitario, empresarial e de institucións vinculadas á ciencia elixirá os gañadores, que se darán a coñecer ao longo do mes de xullo.
(Fonte: GCiencia)