Como novidade, este ano a cita lanzarase conxuntamente coa Rede Portuguesa de Cidades Intelixentes (RENER) e a organización Inteli co fin de encontrar emprendedores tanto españois como portugueses.
A colaboración de ambas as dúas redes promoverá os proxectos que se atopen en fase inicial de desenvolvemento e necesiten validar tanto o seu produto como o seu modelo de negocio nun ámbito real de cidade. O 19 de outubro será a data límite para presentar as propostas. Os vinte finalistas -seleccionados por un xurado experto en novas tecnoloxías e smart cities- terán que defendelas o 17 de novembro en Barcelona, na Smart City Expo World Congress, ante representantes municipais de máis dun centenar de cidades intelixentes das redes española e portuguesa, ao que se unirán aceleradoras, incubadoras, investidores, escolas de negocio e entidades vinculadas ao ecosistema emprendedor.
Para Iñigo de la Serna, presidente de RECI, “os emprendedores necesitan cidades onde implantar os seus desenvolvementos, e as cidades necesitan das súas innovacións para mellorar a súa xestión e a súa calidade de vida”. “Esta é unha boa oportunidade para xerar emprego, crecemento económico e competitividade no ámbito local”. Nesta liña, os concellos seleccionarán os proxectos que consideren do seu interese e ofreceranlles a súa cidade como laboratorio de proba para o seu produto.
A nova edición espera superar os 98 proxectos do ano pasado. Enerxía, medio ambiente, infraestruturas, mobilidade ou innovación son algúns campos nos que se moverán os proxectos. “A aplicación da tecnoloxía vai xogar un papel decisivo nos servizos urbanos”, afirmou De la Serna.
(Fonte: RECI)