En 2050 a oficina deseñará a luz e o café ao seu gusto

Un artigo da revista Time publicado no 2000 describía a unha traballadora do futuro que atoparía traballos en Internet para desempeñar dende a casa. Tamén traballaría cun equipo virtual remoto nunha casa dominada pola domótica.

Agora, case 20 anos despois, moitos empregados seguen desprazándose á oficina a diario. A porcentaxe de traballadores de EEUU que traballa dende a casa pasou do 3,3% en 2000 ao 5,2% en 2017.

Aínda que poucos dubidan de que as oficinas seguirán existindo en 2050, os cambios dixitais e culturais están a cambiar a estrutura do noso posto de traballo. “En realidade non necesitamos ir ao traballo para traballar, senón para afianzar o noso sentido de pertenza á comunidade”, explica Despina Katsikakis, do grupo inmobiliario Cushman & Wakefield. “Isto significa que a nosa percepción de oficina como edificio ten que cambiarse polo de oficina como un lugar físico ou virtual dende o que fago o meu traballo”, engade.

Isto implica volver configurar o concepto que temos de oficina. Os espazos abertos xa permiten que o contorno se adapte ás necesidades dos empregados. Grupos de espazos de coworking como Knotel ofrecen mobles desprazables e paredes modulares. Os smartphones poden mellorar esta personalización, ao adaptar os espazos de traballo a cada persoa. Os edificios conectados adaptan o aire, as luces, o escritorio e mesmo o café a cada empregado. “As oficinas serán máis intelixentes e máis humanas ao mesmo tempo. É unha dicotomía interesante”, explica Katsikakis.

Próximas décadas

Os traballadores da sucursal de Deloitte en Amsterdam teñen unha aplicación no seu smartphone que lles axuda a atopar aparcamento e mesas dispoñibles. “Aínda que estas tecnoloxías xa están máis estendidas, o ritmo de innovación acelerarase nos próximos 20 anos”, opina Guy Grainger, conselleiro delegado da consultora inmobiliaria JLL para Europa, Oriente Medio e África. Os avances tecnolóxicos mellorarán as ferramentas dispoñibles para os empregados. Ademais, as reunións virtuais con tradución simultánea serán o habitual e substituirán ás teleconferencias.

As ventás instaladas en edificios por View, unha empresa californiana que fabrica ventás “intelixentes”, axustan o nivel de iluminación para alterar a temperatura e a luz exterior. A empresa tamén desenvolve sensores para detectar intrusos e ventás que se converten en pantallas interactivas.

A Intelixencia Artificial (IA) logrará erradicar as tarefas repetitivas, segundo académicos da Universidade de Oxford. As persoas só desempeñarán tarefas que requiran solución de problemas e que impliquen unha resposta social e emocional, ou certas doses de creatividade, segundo JLL. O deseño de oficinas fomentará estas habilidades, xunto cunha maior interacción persoal. Nalgunhas empresas onde se desenvolveron diversos recantos de ocio isto é xa unha realidade.

Aínda que os escritorios seguirán formando parte do mobiliario das oficinas, as cadeiras poderían desaparecer para evitar os riscos da vida sedentaria que repercuten na nosa saúde. Isto implicaría o uso de escritorios moito máis altos dende os que poidamos traballar sen sentar e que teñan algúns tallos dispoñibles. Os centros laborais que ofrecen interiores inspiradores tamén terán que estudar as súas emisións de carbono. Na oficina de Deloitte en Amsterdam, hai partes do edificio que se poden pechar para aforrar enerxía os días nos que hai poucos empregados. “O consumo enerxético pode descender entre un 30% e un 40%”, explica Coen van Oostrom, conselleiro delegado de Edge Technologies.

“Os problemas de sustentabilidade tamén fomentarán o auxe de estruturas de madeira que substitúa ao formigón”, opina Philip Oldfield, director do programa de arquitectura da Universidade de Nova Gales do Sur. Na busca de oficinas intelixentes, os traballadores terán que sacrificar parte do seu espazo. De feito, o espazo medio por persoa reduciuse un 8,3% entre 2009 e 2018, segundo datos de Cushman & Wakefield.

A privacidade tamén se verá afectada, xa que os sensores que detectan o movemento e o uso das instalacións están cada vez máis estendidos. Edge Technologies ten unha aplicación que localiza os empregados. Aínda que se pode apagar, case todos queren estar visibles.

(Fonte: Expansión)