En 2030 o 50% dos empregos de Xapón podería ser realizado por robots

Un estudo realizado polo Instituto de Investigación Nomura, en Xapón, e en compañía da Universidade de Oxford, afirma que en torno ao 50 % dos empregos do país podería ser realizado por robots en quince anos, concretamente en 2030.

Xunto ao país asiático, analizouse tamén a tendencia de Estados Unidos e Reino Unido. No caso destes dous países, o 47 e o 35 %, respectivamente, dos empregos poderían ser substituídos por máquinas tamén para 2030.

A investigación baseouse en datos procedentes de 600 postos de traballo no país nipón que, actualmente, son levados a cabo por persoas de carne e óso. Ademais, tamén tiveron en conta a evolución tecnolóxica da intelixencia artificial e do que isto pode supoñer nun futuro dentro do ámbito da robótica.

Os postos cunha maior tendencia a ser substituído por algún tipo de software ou máquina son os postos de recepcionistas, os operarios de fábricas -ambos os dous pola estandarización e sistemática dos seus exercicios- e os gardas de seguridade. Aquelas profesións de ámbito creativo ou artístico e as relacionadas con procesos de pensamento ou de coordinación, como a filosofía, a teoloxía ou a organización empresarial, son as que menos afectadas estarán pola incursión da robótica nas disciplinas.

A pesar dos datos, o estudo tamén recolle que a porcentaxe total dos empregos que se verán afectados pola ocupación robótica dependerá doutros factores externos á propia execución do traballo ou da tecnoloxía. As condicións sociais e económicas do momento e dos 15 anos que quedan ata a data marcada serán decisivas á hora de que a porcentaxe total se vexa ampliada ou reducida.

Son moitas as empresas que están a desenvolver tecnoloxía robótica polas expectativas de futuro que teñen as máquinas en cuestión de reducións de custos, sobre todo. No caso do Goberno xaponés, a intelixencia artificial podería perfilarse como unha posible solución ante o aumento que sofre a idade e a esperanza de vida da poboación do seu país.

(Fonte: EP)