“Seremos máis divertidos. Seremos máis sexis. Imos ser mellores á hora de expresar sentimentos”, asegurou recentemente este experto en intelixencia artificial durante un debate da Universidade da Singularidade. Kurzweil predí que para o ano 2030 os cerebros humanos poderán conectarse á nube, o que nos permitirá mandar correos e fotos directamente ao cerebro e recuperar os nosos pensamentos ou recordos. Isto será posible, afirma, grazas a que haberá nanobots (pequenos robots da cadea de ADN) nadando polos capilares do noso cerebro.
Ray Kuzweil ve a extensión do noso cerebro cara a un pensamento na súa maioría non biolóxico como o seguinte paso na evolución humana, tal e como o foi aprender a usar ferramentas para os nosos antepasados. Esta extensión mellorará non só a nosa intelixencia lóxica, senón tamén a nosa intelixencia emocional. “Imos engadir máis niveis á xerarquía dos módulos cerebrais e a crear niveis de expresión máis profundos”, explicou.
Para demostralo, propuxo unha situación hipotética co cofundador de Google, Larry Page. “Digamos que estou a pasear, vexo a Larry Page achegándose e penso: ‘Máis me vale pensar en algo intelixente que dicir’, pero os 300 millóns de módulos no meu neocórtex non o van lograr. Necesito mil millóns en dous segundos. Sería capaz de acceder a iso na nube, igual que podo multiplicar miles de veces a intelixencia co meu smartphone hoxe en día”. Ademais de facernos máis intelixentes, conectar o noso cerebro a internet tamén nos fará máis únicos. “Agora mesmo todos temos unha arquitectura de pensamento moi similar”, explicou. “Se podemos expandila sen as limitacións dunha estrutura fixa, poderemos ser moi diferentes”. “A xente será capaz de explorar algúns tipos de música de xeito moito máis profundo do que hoxe somos capaces. Levaranos cara a unha maior individualidade”.
Esta visión contrasta coa percepción común, a miúdo retratada pola ciencia ficción, de que a tecnoloxía cíborg [de organismos cibernéticos] fainos máis robóticos, menos emocionais e menos humanos, o cal preocupa ao doutor Miguel Nicolelis, xefe de neuroienxeñería da Universidade Duke (Carolina do Norte, EE.UU.), quen teme que, se confiamos demasiado nas máquinas, perderemos a diversidade do comportamento humano porque os ordenadores funcionan en branco e negro, en uns e ceros, sen distraccións.
Non obstante, Kurzweil cre que estar conectado a ordenadores nos fará máis humanos, máis únicos e máis divinos. “A evolución crea estruturas e patróns que, co paso do tempo, se volven máis complexos, máis cultos, máis creativos, máis capaces de expresar emocións, máis cariñosos,”, declara. “Supón avanzar cara ás calidades que se lle asocian a Deus como ilimitadas”. “A medida que evolucionamos, achegámonos máis a Deus. A evolución é un proceso espiritual. No mundo hai beleza, amor, creatividade e intelixencia, todo vén do neocórtex. Polo tanto, imos expandir o neocórtex do cerebro e converternos en seres máis divinos”. Pero, ¿darán os nanobots o paso da ciencia ficción á realidade ou están destinados ao mesmo fracaso que os coches voadores?
Nanobots implantados
Ao igual que Kurzweil, Nicholas Negroponte, fundador do MIT Media Lab (laboratorio de investigación do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), pensa que os nanobots no noso cerebro poderían ser o futuro da aprendizaxe, o que nos permitiría, por exemplo, cargar a lingua francesa no torrente sanguíneo do noso cerebro.
James Friend, un profesor de enxeñería mecánica da Universidade de San Diego dedicado á nanotecnoloxía médica, cre que estamos entre dous e cinco anos de ser capaces de usar os nanobots cerebrais con efectividade para, por exemplo, previr ataques epilépticos.
Non obstante, recibir a aprobación da Administración Nacional de Alimentos e Fármacos de EE.UU. podería resultar moi difícil, tal como confirmou Friend a The WorldPost. Para el, a aprobación “ou ben tardaría poucos anos, ou ben non acontecería nunca porque a xente ten medo de meterse cousas misteriosas na cabeza”.
Outros científicos móstranse escépticos respecto á seguridade e efectividade dos nanobots cerebrais, principalmente debido ao pouco que entendemos actualmente sobre o funcionamento do cerebro. Un deses científicos é David Linden, profesor de neurociencia na Facultade de Medicina da Universidade Johns Hopkins (Baltimore, EE.UU.), quen cre que a estimación temporal de Kurzweil sobre que os nanobots estarán no noso cerebro no ano 2030 é prematura. Linden afirma que existen grandes obstáculos, como a batería dos nanobots, impedir que as células ataquen aos corpos estraños ou evitar danar as proteínas e azucres nos pequenos espazos entre as células cerebrais.
A pesar de que a Ciencia está lonxe de aplicar isto ao cerebro, a nanotecnoloxía leva tempo anunciándose como un cambio potencial no campo da medicina, e a investigación continúa. O ano pasado, os investigadores inxectaron nanobots de ADN en cascudas vivas e foron capaces de seguir certas instrucións, incluída a de dispensar medicamentos. Este ano, os nanobots foron inxectados no revestimento do estómago dun rato. Estamos a aprender a mellorar o noso cerebro, aínda que non sexa con nanobots. Os investigadores lograron mandar unha mensaxe con éxito dun cerebro humano a outro por medio de estimulación exterior, a través da indución electromagnética.
Noutro estudo, unha estimulación cerebral parecida, conseguiu que a xente aprendese matemáticas máis rápido. Ademais, nun estudo recente do Goberno estadounidense, realizáronse implantes cerebrais que enviaban shocks focalizados ao cerebro a unhas decenas de persoas. Como resultado, realizaban os tests de memoria con máis éxito. Xa estamos a implantar chips cerebrais a miles de humanos, como por exemplo aos pacientes de párkinson, os que contan cun que lles permite ter un maior control motriz, ou xente xorda con implantes cocleares que lles permiten oír. Pero cando se trata de mellorar o noso cerebro sen enfermidades a medias e sen fins médicos, xorden preocupacións éticas e de seguridade.
De acordo cunha enquisa realizada o pasado ano, o 72% dos estadounidenses non están interesados en implantes cerebrais que poderían mellorar a súa memoria ou a súa capacidade mental. A pesar deles, algúns cren que a mellora de cerebros saudables é inevitable, entre eles Christof Koch, director científico do Instituto Allen de Ciencia do Cerebro, ou Gary Marcus, profesor de psicoloxía na Universidade de Nova York. Utilizan o exemplo dos implantes mamarios analóxicos; a cirurxía mamaria foi desenvolvida para a reconstrución despois dunha mastectomía e para corrixir defectos conxénitos, pero dende entón fíxose popular polos aumentos de peitos. Afirman que os implantes cerebrais poderían seguir o mesmo camiño.
(Fonte: Huffintong Post)