Empresas tecnolóxicas de Ourense buscan negocio en México

A misión comercial entre México e España fixo parada hai uns días en Ourense para unir sinerxías co tecido empresarial local. O foco de atención estivo posto nos sectores aeroespacial, automotora e agrotecnolóxico. Os participantes na misión tiveron ocasión de visitar as instalacións de Conexiona, en Tecnópole.

O encontro comezou na Escola Superior de Enxeñería Informática, centro que presenta os mellores índices de colocación dos seus graduados. “Practicamente o 95% dos seus estudantes atopan no primeiro ano de egreso un traballo relacionado con aquilo que cursaron o que demostra que os estudos que aquí se imparten son de alto nivel”, explicou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense.

As institucións mexicanas, procedentes dos estados de Aguascalientes, Jalisco e Zacatecas, están interesadas tamén en unir vínculos coas empresas ourensás do sector aeroespacial, ámbito que se desenvolverá no curso 2016-2017 coa implantación do grao en Enxeñería Aeroespacial e no que México xa está a traballar cun convenio entre a súa axencia espacial e a europea. “Nós enfocámonos na parte espacial; é dicir, todo o relacionado con nanosatélites e xeolocalización”, explicou María de Montserrat Villalobos, vicepresidente da Cámara Nacional da Industria Electrónica de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información (Canieti).

O obxectivo do encontro é unir as dúas partes do Atlántico “achegando a nosa experiencia para crear vínculos bilaterais que impulsen o negocio das dúas rexións”, explicou José Luis Macías Barrón, presidente de Canieti, que recordou que contan co clúster automotora máis importante de Iberoamérica.

Deixar a porta aberta a futuros negocios é outro dos fins desta misión comercial organizada por Manuel Pérez Cota, profesor da Informática do Campus de Ourense. “A universidade ten que ser unha correa transmisora entre as empresas e o coñecemento. De aquí sairá ese xermolo que permitirá que teñamos moito futuro para os nosos estudantes, profesores e empresas,” explicou Cota. Para iso, os asistentes mexicanos tiveron a ocasión de realizar entrevistas individuais coas empresas Redegal, Hacce, Conexiona, Grupo Cuevas, o Clúster TIC Galicia-Norte de Portugal e o Grupo Lia2 da Universidade de Vigo.

(Fonte: La Región)