Son seis firmas de diferentes sectores e puntos distantes da xeografía galega que, para a súa investigación, centráronse en dous tipos concretos de residuos. Un deles é o sobrante que queda nos soutos galegos tras a recollida da castaña, como os ourizos e as ramas abandonadas tras as podas.
O outro elemento sobre o que están traballando é un residuo que procede da fabricación de taboleiros de madeira, un coproduto rico en lignina que “ten propiedades interesantes para a fabricación de asfaltos e pavimentos”. Así o explica Francisco Javier Prego, director do departamento de I+D da ourensá Extraco, encargada desta parte do proxecto. Explica ademais que, dos residuos cos que traballan, extraen tamén bacteriocinas, biocidas e biosurfactantes. “Os biocidas son produtos naturais que serven para evitar as pragas nos campos de castañas, mentres que as bacteriocinas pódense usar como conservante para o procesado deste produto”, asegura o experto.
No que respecta aos biosurfactantes, pódense reutilizar para mellorar a fabricación dos propios taboleiros. “A idea é probar os catro produtos en diferentes usos, de aí que participen seis empresas, porque cada unha ten interese nalgún deles”, advirte Prego.
As empresas involucradas neste proxecto formaron un consorcio e presentáronse á convocatoria Conecta Peme, da Axencia Galega de Innovación, logrando unha das mellores valoracións do xurado pola súa proposta e conseguindo unha subvención de algo máis de un millón de euros procedentes de fondos europeos Feder. O proxecto acaba de cumprir o seu primeiro ano de andadura e ten dous máis por diante, polo que aínda se esperan novos achados.
Diferentes utilidades
Explica o responsable da iniciativa que cada participante ten un labor fundamental no desenvolvemento do proxecto. Soutos Sativa, unha firma lucense de castañas, quere conseguir biocidas e bacteriocinas dos seus residuos, mentres que Renga Enerxía, de Allariz, encárgase de “valorizar o produto final” para producir compost ou enerxía eléctrica. Betanzos HB, pola súa parte, encárgase de fabricar os taboleiros de madeira e extrae o coproduto que procede do eucalipto; Indutec Ingenieros, de Lugo, ocúpase da análise do ciclo de vida (ACV), é dicir, de ver como son os produtos novos e de comparalos cos convencionais, e Extraco utiliza o que se extrae de lignina para probalo en diferentes tipos de firmes, unha finalidade sobre a que tamén traballa Galaicontrol, de Vigo.
Ademais, a parte química do proxecto desenvólvea o laboratorio de biotecnoloxía agroalimentaria da Universidade de Vigo, mentres que o grupo de Enxeñería Civil da Escola politécnica superior de Lugo traballa sobre o relacionado cos firmes. “Dentro de un ano teremos moitos máis resultados, pero por agora todo o que descubrimos é moi positivo”, explica Francisco Javier Prego.
(Fonte: La Voz de Galicia)