As dúas empresas, especializadas na fotografía para plataformas de comercio electrónico e o deseño de sistemas autónomos de condución, acudirán como expositores á mostra. Ademais, o directivo de Xesol Sergio Hernández participará como relator na mesa dedicada á industria do automóbil e os promotores de Profocus intervirán na demo pitch presentando as súas técnicas de fotografía como servizo.
A participación destas empresas no evento foi facilitada por Parque Tecnolóxico de Galicia a través da Asociación de Parques Tecnolóxicos e Científicos de España (APTE). Esta entidade e a súa homóloga portuguesa, TECPARQUES, debaterán durante o encontro as posibles fórmulas para reforzar a rede de parques ibéricos no contexto europeo. Para reforzar este último aspecto, participarán tamén na mesa redonda representantes da Rede Europea de Rexións de I+D (ERRIN) e a Alianza Europea de Clusters.
Intercambio de coñecemento e contactos
Ademais da ocasión que o evento ofrece para que as empresas establezan contactos, durante o congreso que comeza o día 2 terán lugar mesas temáticas orientadas ao intercambio do coñecemento. Nelas abordaranse a creatividade, a tecnoloxía e as oportunidades relativas aos sectores do automóbil, a industria téxtil e o calzado, a agroalimentación, o turismo e a compra pública innovadora.
A oportunidade para as empresas de expoñer os seus produtos e servizos na zona de mostras complétase coa posibilidade de realizar un elevator pitch de 5 minutos ou un demo pitch (demostración de produto ou servizo), logo de inscrición. Ademais, na zona expositiva tamén se habilitou un palco onde os participantes poden realizar presentacións sen necesidade de comunicalo previamente.