Empresas de Tecnópole adéstranse na preparación e xestión de proxectos de innovación da man da Consellería de Economía e Industria

Tecnópole acolle a partir de mañá unha xornada sobre sobre boas prácticas en innovación, loxística e emprego das TIC nas pemes organizado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e dous obradoiros sobre preparación e xestión de proxectos de innovación, estes últimos financiados pola Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria e impartidos coa colaboración de Aimen.

Os obradoiros, que terán lugar os días 3, 4 e 14 de decembro, son gratuítos para as empresas e teñen como obxectivo dinamizar a cultura da innovación entre as pemes para mellorar o seu posicionamento nun mercado marcado pola situación económica actual, que esixe optimizar os factores de competitividade.

Os dous primeiros días estarán dedicados á xestión de proxectos de innovación aplicada e o día 14 terá lugar o módulo de adestramento na preparación de propostas de proxectos para lograr financiamento público. Serán impartidos pola xestora de financiamento de proxectos de Aimen, María Cerviño; polo responsable da delegación deste centro tecnolóxico en Ourense, Alberto Martínez Pintos; e polo experto en xestión de proxectos innovadores Francisco Pérez Rivas, da consultora internacional Atos Origin.

As empresas participantes poderán incrementar as súas posibilidades de éxito á hora de elaborar propostas de proxectos de innovación e coñecer de primeira man operativas para elaborar a programación e xestión integral dun proxecto no relativo a alcances, custos, calidade, comunicacións, aprovisionamentos e recursos humanos.

Xornada de boas prácticas

Con anterioridade a estes obradoiros, mañá mércores Tecnópole acolle tamén unha xornada pública aberta sobre boas prácticas nos ámbitos da innovación, da loxística e do emprego das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) levadas a cabo por pemes galegas no marco do programa promovido polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

A sesión, que terá lugar no salón de actos do Edificio CEI do Parque Tecnolóxico de Galicia a partir das 10 da mañá, forma parte do proceso de transferencia dos resultados da iniciativa de identificación de boas prácticas e deseño de ferramentas divulgativas de novas tendencias e ferramentas de competitividade empresarial posta en marcha polo IGAPE co obxectivo de fomentar a excelencia nas empresas galegas poñendo de relevo experiencias reais do tecido empresarial galego.

Durante esta xornada presentaranse os casos de excelencia identificados entre as pemes galegas e realizarase un debate acerca destas. Os promotores da xornada consideran que a divulgación dos elementos críticos de mellora será de gran utilidade para os asistentes e para a propia Administración porque constitúen factores de definición das necesidades empresariais actuais, o que facilitará a definición e impulso de actuacións dirixidas a incrementar a competitividade empresarial galega no seu conxunto.