Empresarios inciden en Tecnópole en que “a economía circular non é unha alternativa, é o modelo a seguir”

Innovar, renovar, reutilizar e reciclar son os alicerces da economía circular, un modelo eficaz para garantir o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que apuntan a un escenario europeo en 2030 cunha redución dos residuos enviados aos vertedoiros nun 90% e a reciclaxe do 75% dos envases. Nesta liña trabállase na Estratexia Española de Economía Circular (EEEC), coñecida como España Circular 2030, baseada en seis sectores prioritarios: construción, agroalimentario, pesqueiro e forestal, industrial, bens de consumo, turismo e téxtil e confección.

Estes foron os aspectos que centraron a nova xornada de Empresa Intelixente, dentro do Programa Capacita Directivos impulsado polo Círculo de Empresarios de Galicia, en colaboración co Igape e APD, que reuniu en Tecnópole (Ourense) a expertos e expertas no campo da economía circular na comunidade.

Na introdución, o coordinador do Foro de Enerxía e Medio do Círculo, Marcelino Otero, incidiu na necesidade “dun novo modelo, que optimice recursos e sistemas e que funcione a calquera escala, sendo estratéxico para Galicia, preservando a enerxía e estendendo a vida dos productos”, un modelo que “obriga a cambiar os hábitos industriais”.

Neste aspecto coincidiu o director do Igape, Fernando Guldrís, destacando que “a economía circular non é unha alternativa, é o modelo a seguir, apostando polas 3 R no deseño dunha estratexia sustentable”. Dentro da súa aplicación na industria, avanzou o programa de axudas para a economía circular do Igape, que terá a súa segunda edición no primeiro trimestre de 2023; e as iniciativas do PERTE na materia.

A xornada continuou coa “Conversa a dous”, moderada pola xerente de Viratec, Ana Botas; coa participación de Josefa de León, vicepresidenta de Viratec e directora de competitividade de Agroamb Prodalt; e de Ángel Fernández, presidente do Padroado da Fundación para a Economía Circular. Os dous expertos coincidiron en que “o mundo será circular ou non será”, apuntando como claves para Galicia a xestión de residuos a nivel local, a colaboración público-privada e a formación das empresas e cidadanía.

A xornada rematou cunha mesa sobre novos modelos de negocio, moderada por Eva Castro, vicepresidenta da Rede Internacional de Promotores ODS España, e coa participación de Susana Peña, xerente de Mulleres Colleiteiras; o director de Calidade, Medio Ambiente e Sustentabilidade de Vertex, Antonio López-Perales; o chief storytelling officer en Eccoplas Barbanza, Anxo Vidal, e a directora de Recursos Humanos en Losán, Mercedes Olmedo.

Fonte: Faro de Vigo