Empresarios e tecnólogos de Tecnópole e dos Polígonos Industriais de Sabón e San Cibrao intercambian oferta e demanda por vídeoconferencia

Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia- e os Polígonos Industriais de Sabón (Arteixo, A Coruña) e San Cibrao das Viñas (Ourense) comezaron os intercambios concretos de oferta e demanda de tecnoloxía, que se materializarán en futuras colaboracións, no marco do Programa de Cooperación con Parques Industriais e Tecnolóxicos (COPIT), presentado hai dúas semanas en Ourense.

Durante tres sesións de dúas horas que tiveron lugar entre o martes e hoxe xoves, tecnólogos e empresarios do Parque Tecnolóxico de Galicia intercambiaron información sobre servizos e proxectos con empresarios dos Polígonos de Sabón e San Cibrao, que expuxeron principalmente as súas demandas tecnolóxicas para establecer o punto de partida cara a novas relacións comerciais e proxectos de innovación conxuntos.

As sesións tiveron carácter temático e celebráronse vía vídeoconferencia para cumprir así un dos principais obxectivos do programa: que a distancia xeográfica non sexa unha barreira para establecer un primeiro contacto entre empresas galegas con intereses comúns e posibilidades de mellorar a súa competitividade grazas á cooperación de base tecnolóxica.

A vídeoconferencia de hoxe tratou sobre o sector agroalimentario e centrouse nas ofertas e demandas tecnolóxicas sobre microbioloxía, biotecnoloxía alimentaria e unha cuestión moi concreta: o aproveitamento e a valorización de materiais residuais e subprodutos da industria alimentaria mediante procesos fermentativos. Desde Tecnópole expuxeron os seus servizos e proxectos o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC). As empresas do Polígono de Sabón que participaron explicando as súas demandas e ofertas tecnolóxicas neste sector foron Leyma Central Lechera; Bajamar Séptima, de produtos conxelados; e Gisva, de produtos cárnicos.

A primeira sesión, celebrada o martes, estivo dedicada aos servizos de apoio á produción. Desde Tecnópole, a empresa Itega (enxeñería) e o centro tecnolóxico do sector metalúrxico Aimen, que ten alí unha das súas sés, intercambiaron información con tres empresas de Sabón (de novo Bajamar Séptima; Cortiplás, de transformación de poliéster; e Dielectro Industrial, de material eléctrico) e unha de San Cibrao (Faurecia, do sector da automoción) sobre a súa oferta en materia de deseño de produto; simulación; robótica e automatización industrial; mellora de procesos; análise e modificación de funcionamiento de maquinaria de produción e auditoría enerxética, entre outros.

O encontro do mércores tratou sobre a metroloxía e o sector industrial, con especial atención ao oxicorte (técnica auxiliar á soldadura, que se utiliza, entre outras cousas, para a preparación dos bordes das pezas a soldar cando son de espesor considerable), á caldereiría e á homologación de pezas. Desde Tecnópole volveron participar profesionais de Aimen, aos que se lle sumaron nesta ocasión representantes do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia (LOMG) e da empresa Kinetika Innovacións Estruturais, que inaugurou recentemente a súa planta de I+D para o sector das enerxías renovables. A estas sumouse Industrias NLJ, fabricante de pezas metálicas e plásticas de San Cibrao. Desde Sabón participaron de novo Cortiplás; Emesa-Trefilería, de fabricación e venda de aceiro; Retsa II, de galvanizado e tratamentos para a protección do ferro e do aceiro; e Oxinor, de oxicorte industrial.

Valoracións

A directora de Tecnópole, Luisa Pena, valorou a experiencia coma “un paso máis na extensión a todo o tecido empresarial galego dos servizos avanzados de apoio á innovación que prestamos” e destacou a percepción positiva transmitida polos representantes das empresas e centros do Parque Tecnolóxico participantes nas vídeoconferencias. Pena engadiu que nos polígonos se atopan moitos potenciais clientes e colaboradores dos centros tecnolóxicos e que Tecnópole seguirá traballando en iniciativas deste tipo para amplificar a oferta dos seis que acolle entre as empresas dos recintos industriais de toda Galicia.

Pola súa banda, a xerente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de Sabón, Marta Marzoa, salienta que a iniciativa COPIT “foi moi ben acollida entre as nosas empresas”. Segundo Marzoa, os parques tecnolóxicos e as súas empresas contan con servizos e oferta tecnolóxica que en moitos casos non chegan ás empresas dos polígonos porque non existe unha canle continuada de cooperación.  “Sen embargo, é un feito constatable que son as empresas dos polígonos, especialmente as que teñen un marcado carácter produtivo como é o caso das situadas en Sabón -netamente industrial, sen empresas de servizos- as principais demandantes de tecnoloxía”, explicou.

Desde a Asociación de Empresarios do Polígono San Cibrao, a súa xerente, Yolanda López, apunta que “no escenario económico actual, consideramos elemental e prioritario asentar a innovación como motor das nosas empresas, e vemos en COPIT o vehículo idóneo para este fin, xa que brindará innumerables recursos para dinamizar o conglomerado empresarial aquí ubicado”. Por este motivo calificaron a experiencia como “altamente positiva e o marco idóneo para lograr unhas empresas vanguardistas en todos os frentes”.

En toda España

Esta iniciativa estase a levar a cabo en toda España a través de 20 parques científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais, que buscan mellorar a competitividade das empresas e centros tecnolóxicos situados nestes recintos a través de fórmulas de cooperación entre eles.

Fotografías dispoñibles en www.flickr.com/photos/tecnopole