Emprendemento: tendencias indiscutibles para o éxito empresarial en 2016

PHC Software, fabricante de solucións de xestión empresarial, realizou unha análise sobre as tendencias clave en software de xestión para o negocio que os empresarios deberán usar para facer fronte aos novos retos do futuro, motivados, en gran medida, polos cambios nos hábitos de consumo, a evolución tecnolóxica e a modificación da normativa fiscal de cara a 2016.

A  mobilidade inmediata é unha das tendencias a ter en conta, xa que as empresas están en constante movemento. “Facendo unha análise de cara a 2016 vimos que a mobilidade é unha evolución natural e, por iso, estamos apostando pola nosa gama PHC CS Web con funcionalidades, que permiten tomar decisións desde calquera lugar e sempre baseadas en datos reais”,  explicou Manuel Domínguez, country manager España de PHC Software. A esta mobilidade sumarase a conectividade a través das redes sociais empresariais, un sistema que irá tomando protagonismo como medio para promover o intercambio de información e a cohesión.

O Big Data e o Business Intelligence convertéronse nos últimos tempos en “tendencias indiscutibles”, xa que o volume de datos acerca da empresa e os seus clientes aumenta de maneira considerable e a forma de analizar esa información determinará a vantaxe competitiva de cada empresa. Por iso, os softwares de xestión estarán obrigados a incluír una boa ferramenta de análise de datos para mellorar os procesos de negocio e axudar na análise das tendencias de mercado e na adaptación da oferta da empresa segundo as necesidades do usuario.

Por outro lado, o auxe da omnicanalidade no sector retail formula a necesidade de xuntar todas as vías de información e distribución aproveitando as vantaxes do comercio electrónico, a tenda física, as redes sociais e os dispositivos móbiles. As solucións de xestión de punto de venda, tanto física como web, cobrarán unha especial relevancia á hora de realizar este tipo de xestión, onde a eficiencia e a inmediatez serán claves á hora fidelizar aos clientes.

Como en anos pasados, 2016 traerá cambios lexislativos e fiscais que obrigarán ás empresas a entrar nun proceso de adaptación. Unha das grandes medidas será o SII (Subministro Inmediato de Información), que a Axencia Tributaria desenvolverá durante 2016 e entrará en vigor a principio de 2017. Esta norma obrigará a un importante número de empresas a comunicar os datos das súas facturas de maneira inmediata a Facenda e suporá un reto importante de adaptación para as empresas.

(Fonte: EP)