Emprendedores galegos desenvolven o primeiro dispositivo GPS para interiores

Unha empresa de tecnoloxía galega desenvolveu o primeiro dispositivo GPS para interiores do noso país. Un avance que esconde un intenso traballo de I+D+i e que está chamado a revolucionar a orientación e localización de persoas dentro de edificios ou de grandes superficies comerciais.

Creada por un grupo de emprendedores galegos, “Situm” responde á problemática da falta de sinal ou de cobertura en interiores, posto que, en numerosas ocasións, os satélites non son capaces de atravesar a estrutura dos muros de formigón. Dende o principio, unha das liñas mestras da investigación foi a orientación dos GPS dentro de espazos pechados, e niso continúan traballando.

A tecnoloxía utilizada por esta nova startup, creada hai dous anos por Cristina Gamallo, Adrián Canedo e Víctor Álvarez, está baseada nun software de intelixencia artificial que utiliza os seus propios algoritmos, apoiándose nas redes wifi do edificio e nuns pequenos dispositivos, denominados beacons, que actúan como balizas de posicionamento no interior das edificacións.

Ademais, Situm sérvese do propio campo magnético de cada instalación para potenciar o sinal de recepción, o que o fai aínda máis preciso. Eses tres sinais combínanse co movemento do smartphone, que poderá ser rastrexado a través dos diferentes sensores integrados xa de por si no seu sistema.

En canto á localización, a súa marxe de erro é de apenas un só metro, cando o do GPS tradicional está entre oito e dez. “En interiores é máis importante ser precisos porque dous metros poden marcar a diferenza entre unha consulta ou outra dentro dun hospital ou dúas tendas diferentes nun mesmo centro comercial”, sinalou Víctor Álvarez.

O próximo paso da compañía consistirá en implementar unha nova tecnoloxía que consiga a posición do usuario sen a necesidade de tráfico de datos, xa que ata agora ese cálculo se executa na nube, polo que é necesario dispoñer dunha conexión estable a internet durante o seu uso.

Na actualidade, Situm está a pechar grandes proxectos piloto en diferentes localizacións da capital de España, dende hospitais e centros comerciais, ata en estacións de tren. Ademais, estase a expandir a novas cidades e espera que a súa tecnoloxía estea aberta ao público en poucos meses. A empresa acaba de recibir o primeiro premio da V edición do Programa Yuzz e pechou unha rolda de investimento de 150 euros coa sociedade de capital risco Unirisco.

(Fonte: Innovaspain)