Emprendedores españois desenvolven o primeiro aeroxerador sen pas

Un grupo de emprendedores españois deseñou un novo concepto de parque eólico que cambiará a forma na que se vía ata agora este tipo de instalacións. Nun logro sen precedentes ata a data, crearon os primeiros muíños de vento sen pas do planeta.

Unha aposta diferente para a obtención de enerxía renovable, na que os aeroxeradores non necesitarán de brazos para atrapar a enerxía procedente do vento. Unha tecnoloxía que podería cambiar de xeito substancial o actual panorama da enerxía modificando o concepto de parque eólico ao que estamos acostumados, ademais de ser máis respectuoso coas aves e o medio ambiente.

Para iso, a empresa Vortex Bladeless, xerada por David Suriol, David J. Yáñez e Raúl Martín, creou un novo tipo de infraestrutura que acabará cos tradicionais prototipos de aeroxeradores e xerará outros compostos máis lixeiros e susceptibles de atrapar a enerxía cinética derivada do seu movemento oscilatorio.

E é que estes novos muíños se presentan en forma de cilindros verticais, cunha xeometría que se adapta á frecuencia de oscilación dos remuíños e os empurra a reproducirse de forma ordenada en torno a ela. O aeroxerador contén un sistema de bobinas e imáns integrados nun mecanismo que ademais de xerar enerxía eléctrica logra que a estrutura se adhira á frecuencia adecuada para abalarse ao ritmo dos remuíños de forma óptima.

Ao funcionar sen pas, o deseño elimina moitas das partes móbiles e mecánicas do muíño tradicional, o que reduce notablemente os custos de fabricación, mantemento e de explotación da enerxía eólica. Neste sentido esperan diminuír ata nun 53% os custos fronte ao dun aeroxerador normal.

Como sinalou David J. Yáñez a InnovaSpain, “trátase dunha tecnoloxía en desenvolvemento que aínda ten moito que demostrar. Nos próximos meses esperamos sacar un novo instrumento de xeración de enerxía do vento que non ten por que ser unha competencia directa da eólica convencional, senón que se poden complementar perfectamente entre si”.

“As maiores fortalezas deste aeroxerador son as que se desprenden da súa sinxeleza conceptual”, prosegue. Ao non utilizar engrenaxes, rodamentos, rótulas ou outros elementos de contacto susceptibles de desgastarse, non necesita de lubricantes. Ademais minimízase o recambio de pezas, non produce ruído nin vibracións, e xera un menor impacto ambiental”.

Ao ter o seu centro de gravidade baixo, require dunha cimentación menor e para a súa fabricación necesítase unha cantidade moi inferior de materiais do mesmo tipo que un muíño convencional das mesmas dimensións. “Un dispositivo deste tipo debe de ser capaz de xerar enerxía máis barata”, relata o seu fundador.

Prototipos de altura

Os prototipos actuais alcanzan os seis metros de altura, aínda que a empresa planea facer versións maiores. Neste 2015 xa teñen previsto lanzar un modelo de 12,5 metros e de aquí a tres anos, outro de máis de 100 metros. Canta maior sexa a altura, maior será o seu rendemento.

Esta iniciativa obtivo o premio ao mellor proxecto na categoría de Enerxía e Industria no último “Spain Startup, The South Summit”, e foi unha das seleccionadas para formar parte da primeira convocatoria do Fondo de Emprendedores da Fundación Repsol.

(Fonte: Innovaspain)