Egatel subministra transmisores de alta eficiencia para o despregamento da TDT en Kenya

Egatel foi seleccionado por APD, a empresa adxudicataria do proxecto, como provedor para a subministración, instalación e posta en marcha de dez novos centros de transmisión de alta potencia situados en diferentes puntos clave do país, configurados con sistemas de redundancia 1 +1 baseados en transmisores Egatel DVB-T2 de 2.3 kWrms.

Os transmisores de última xeración pertencen á actual Serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), modelo TUWH4604 con refrixeración por aire, destacando por ofrecer unha alta eficiencia enerxética en toda a banda UHF mediante a utilización de tecnoloxía Wideband Doherty, que reduce significativamente o consumo enerxético e, polo tanto, os custos de operación.

A aceptación en fábrica dos equipos que compoñen a subministración terá lugar a finais deste mes, durante a cal unha delegación de APD e a KBC visitará a sede de Egatel en Tecnópole para coñecer de primeira man as instalacións e realizar as inspeccións e probas oportunas aos equipos antes de proceder á súa distribución aos diferentes centros de destino.

Egatel consolida así a súa presenza nun novo país africano como subministrador de transmisores de TDT no seu proceso de migración á TV dixital, proceso complexo e de grande alcance e cun horizonte de apagón analóxico inmediato.

(Fonte: Egatel)