Egatel sitúase á cabeza das empresas galegas en innovación segundo o informe Ardán

Egatel, con sede en Tecnópole, foi recoñecida no informe Ardán 2015 como a empresa máis innovadora de Galicia. Trátase da única empresa galega que conseguiu alcanzar a categoría “ouro” no ranking de Innovación contemplado no Informe Económico e de Competitividade elaborado polo consorcio da Zona Franca de Vigo co apoio da Axencia Galega de Innovación.

Nos últimos anos, Egatel desenvolveu unha ambiciosa estratexia centrada na innovación. Como resultado, a empresa conseguiu afianzarse nos mercados nos que xa estaba presente e continuar a súa expansión internacional a través dunha constante evolución tecnolóxica dos seus produtos. Así mesmo, logrou diversificar a súa carteira de produtos e entrar en novos mercados, como consecuencia dun intenso esforzo e asignación de recursos de I+D destinados a transferir o know-how que posúe a compañía na tecnoloxía dixital e de radiofrecuencia a outros sectores.

“A innovación é un factor chave cando se opera nun sector tan competitivo como o das TIC e nunha economía globalizada”, aseguran desde a empresa. Por este motivo, Egatel colaborou nos últimos anos en múltiples proxectos de innovación con outras empresas, establecendo sinerxías que permitiron acelerar o desenvolvemento de produtos e o seu lanzamento ao mercado.

Egatel dedica máis do 35% do seu persoal de maneira exclusiva a actividades de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i), principalmente no ámbito das comunicacións por radio frecuencia.

“O recoñecemento que obtivo Egatel como empresa galega máis innovadora non é froito da casualidade, senón dun firme compromiso coa excelencia tecnolóxica e constante procura de novas oportunidades de negocio nos sectores broadcast e satcom”, destacan desde a empresa.

Sobre Egatel

Egatel é unha empresa especializada na investigación, desenvolvemento e fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia destinados a transportar ou difundir sinais de televisión –tanto en formato analóxico como dixital– e sinais de radio dixital para cubrir as necesidades do mercado broadcast profesional global.

Egatel está integrada na área de Servizos e Tecnoloxía de Comsa Emte, grupo referente no sector das infraestruturas e a enxeñaría. O grupo suma unha facturación de máis de 1.300 millóns de euros, conta cun persoal de máis de 8.000 persoas e presenza en 25 países. Está organizado en tres áreas de negocio: Infraestruturas e Enxeñaría, Servizos e Tecnoloxía, e Concesións e Enerxías Renovables.