O ‘smart LNB’ é un dispositivo receptor e transmisor de datos (módem) de datos vía satélite de última xeración. Foi seleccionado polo xurado con base na maior eficiencia a menor custo en relación aos outros dispositivos da súa clase dispoñibles no mercado. O xurado salientou tamén o amplo espectro dos servizos que ofrece o innovador terminal satélite, que se estenden desde o mercado de consumo até aplicacións profesionais e industriais. No fallo do premio, destácase que o produto contribúe á transformación dixital dos fogares e das empresas, aspecto fundamental para promover a difusión do coñecemento e o crecemento económico nos próximos anos.
O galardón foi recollido por Francisco Javier Valdés, responsable de desenvolvemento de negocio do Departamento de I+D de Egatel, na Noite Galega das Telecomunicacións, organizada polo Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
Presentado como o terminal satélite interactivo da próxima xeración, o ‘smart LNB’ está equipado cunha serie de innovacións tecnolóxicas desenvolvidas por Egatel que permiten aumentar considerablemente a eficiencia da canle de retorno a un custo moi inferior en relación aos outros dispositivos da súa clase. Segundo Valdés, “o terminal está a revolucionar o mercado de comunicacións por satélite, abrindo a porta, por exemplo, a unha ampla gama de servizos de televisión conectada e de internet das cousas a un custo moi inferior ao actual”.
Egatel desenvolveu o ‘smart LNB’ en colaboración con Eutelsat, un dos principais operadores de satélites e provedor clave de servizos de radiodifusión e banda ancha.
A ampla experiencia da compañía no deseño de sistemas dixitais e desenvolvemento de equipos de radiofrecuencia, plasmada nunha exitosa traxectoria na fabricación e venda de transmisores de televisión dixital, viuse apoiada por este recoñecemento que premia a innovación no tecido empresarial de Galicia.