Durante o evento, que se celebra nas Veigas entre hoxe luns e o próximo xoves, Egatel dará a coñecer a súa nova serie de transmisores de TV eficientes de alta potencia, evolución dos primeiros transmisores WHET (Wideband High Efficiency Transmitters) de refrixeración líquida, que introduce como principal novidade un amplificador de 2U 19″ (modelo AUWH1200) co que se poden fornecer equipos de ata 8,8 KWrms co sistema de refrixeración integrado no mesmo rack.
Como novidade, os asistentes poderán coñecer esta nova serie de transmisores por medio da súa visualización con lentes 3D en realidade virtual, podendo apreciar en gran detalle un exemplo completo dun transmisor con 5 amplificadores, dobre excitador e refrixeración integrada.
No sector SatCOM, a empresa exhibirá a última versión do Smart LNB, un equipo desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. Este novo transmisor/receptor satelital destaca polo seu deseño simplificado, moito máis compacto e lixeiro (1/3 do peso inicial) e optimizado en custo para poder ofrecer os servizos de TV conectada vía satélite: HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta… así como aplicacións machine to machine (M2M): e-health, casa conectada, smart metering, etc.
(Fonte: Egatel)