Egatel presenta os seus transmisores de TV de alta eficiencia na maior feira profesional de medios a nivel mundial

A empresa de Tecnópole Egatel presentará os seus avanzados transmisores de TV de alta eficiencia e a súa nova liña de produtos no campo dos transceptores satelitais na maior feira do mundo da industria de medios e comunicación, un evento anual que se celebra nas Vegas entre o 13 e o 16 de abril.
 
No stand de Egatel no Nab Show poderanse ver os novos transmisores de TV de alta eficiencia – banda ancha da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), tanto en refrixeración líquida como aire. A tecnoloxía Doherty que optimiza a eficiencia dos transmisores é por primeira vez banda ancha, o que significa que xa non é necesario facer ningún cambio nin modificación nos amplificadores ante un cambio de canle.
 
Tamén se exhibirá o ‘Smart LNB’, un equipo desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. Trátase dun dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novidoso transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. O terminal revolucionará o mercado SatCom, ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de televisión conectada vía satélite como redes sociais, operacións de compra e consumo de contidos á carta, así como aplicacións machine to machine (M2M): e-health, casa conectada, smart metering, etc.
 
Sobre Egatel
 
Egatel é unha empresa especializada na investigación, desenvolvemento e fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia destinados a transportar ou difundir sinais de televisión –tanto en formato analóxico como dixital– e sinais de radio dixital para cubrir as necesidades do mercado broadcast profesional global. A empresa está integrada na Área de Servizos e Tecnoloxía de Comsa Emte, grupo referente no sector das infraestruturas e a enxeñería.