No stand de Egatel puido verse en funcionamento real sobre carga un transmisor de TV de alta eficiencia-banda ancha da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), que proporciona un rendemento en toda a banda UHF de ata un 42%, tanto en refrixeración líquida como aire.
A optimización da eficiencia enerxética nos transmisores conséguese a través da tecnoloxía Doherty, que ao sumarlle a función banda ancha permite realizar cambios de canle sen necesidade de facer ningunha modificación nos amplificadores.
Tamén se exhibiu o ‘Smart LNB’, un equipo concibido polo operador de satélites Eutelsat e implementado por Egatel. Eutelsat, un dos principais operadores de satélites e provedor clave de servizos de radiodifusión e banda ancha, apostou por este innovador produto para a nova xeración de servizos bidireccionais a través da plataforma de televisión conectada.
O ‘Smart LNB’ é un dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novidoso transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. O terminal revolucionará o mercado SatCom, ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite como, HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como aplicacións machine to machine (M2M): e-health, casa conectada, smart metering, etc.
(Fonte: Egatel)