No stand de Egatel púidose ver en funcionamento real sobre carga un transmisor de TV de alta eficiencia-banda ancha da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), que proporciona un rendemento en toda a banda UHF de ata un 42%, tanto en refrixeración líquida como aire.
A optimización da eficiencia enerxética nos transmisores conséguese a traveÏs da tecnoloxía Doherty que ao sumarlle a función banda ancha permiten realizar cambios de canle sen necesidade de facer ningunha modificación nos amplificadores.
Tamén se exhibiu o Smart LNB, un equipo concibido polo operador de satélites Eutelsat e implementado por Egatel. Eutelsat, un dos principais operadores de satélites e provedor clave de servizos de radiodifusión e banda ancha, apostou por este innovador produto para a nova xeración de servizos bidireccionais a través da plataforma de televisión conectada.
O Smart LNB é un dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novidoso transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. O terminal revolucionará o mercado SatCom, ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite como, HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como aplicacións Machine to Machine (M2M): e-Health, casa conectada, smart metering, etc.
(Fonte: Egatel)