Egatel presenta os seus transmisores de televisión de alta eficiencia – banda ancha en BroadcastAsia 2014

Egatel acudirá este mes a BroadcastAsia 2014 para presentar as súas últimas novidades en transmisores de TV. A exposición dedicada a tecnoloxías dixitais multimedia e de entretemento terá lugar entre o 17 e o 20 de xuño en Singapur.

Egatel presentará os seus novos transmisores de televisión de alta eficiencia – banda ancha da Serie WHET (wideband high efficiency transmitters). A solución Doherty que optimiza a eficiencia dos transmisores é por primeira vez banda ancha, o que significa que é aplicable a toda a banda UHF e non será necesario que os operadores fagan ningún cambio nin modificación nos amplificadores ante un cambio de canle.

Como exemplo da serie WHET, exhibirase un transmisor de 3 KW DVB/ISDB (4 KW ATSC), modelo TLWH7804. O equipo de refrixeración líquida caracterízase polo seu deseño completamente modular e inclúe un sistema de bombas integrado no mesmo rack que o transmisor. Esta solución optimiza o investimento e o deseño das instalacións.

En refrixeración por aire presentarase e realizaranse demostracións en funcionamento real cun transmisor Doherty de 600 Wrms DVB-T/T2, co que se poden levar a cabo integracións de ata 6 amplificadores por rack cun rendemento enerxético inmellorable. O deseño dos amplificadores inclúe aspectos que sintetizan todo o know-how de Egatel, evitando a circulación de aire por placas ou compoñentes, redundando fontes de alimentación extraíbles polo frontal ou dispoñendo os ventiladores na parte exterior para unha sinxela substitución sen necesidade de abrir o módulo.

A tecnoloxía Doherty aplicada nos amplificadores proporciona un rendemento de ata un 42% en ATSC e 38% en DVB/ISDB, optimizando significativamente o consumo enerxético e, polo tanto, os custos de operación.

Con independencia da potencia ou sistema de refrixeración utilizado, Egatel ofrece os seus moduladores en deseños de 1 U 19″ para os estándares DVB-T/-H/T2, ISDB-T/TB e ATSC, cumprindo cos máis altos parámetros técnicos de calidade. A precorrección dixital adaptativa ofrécese de serie en todas as configuracións, facilitando a operación e o mantemento, e co uso de programas de control baseados en servidores web embebidos, memorias extraíbles con inserción frontal para a carga e descarga de configuracións, opcións de monitorización da RF, etc.

Finalmente é de destacar a consolidada oferta de Egatel en solucións de reemisores en baixas potencias, permitindo traballar igualmente en calquera estándar e coas máis altas prestacións en canceladores de ecos dinámicos, como así o testemuñan as referencias da empresa en todo o mundo.

(Fonte: Egatel)