Egatel presenta os seus novos transmisores de TV e gapfillers de baixa potencia na maior feira profesional de medios a nivel mundial

A empresa de Tecnópole Egatel presentará as súas novas series de transmisores de TV e gapfillers de baixa potencia na maior feira do mundo da industria de medios e comunicación, un evento anual que se celebra nas Vegas entre o 18 e o 21 de abril.

As familias TUWH1000© e RUWH1000© presentan un deseño compacto e alcanzan potencias de ata 115 Wrms nunha soa unidade de rack, facilitando aos operadores as tarefas de instalación, operación e mantemento.

Con este lanzamento, a compañía amplía a alta eficiencia enerxética a todo o rango de potencias de RF, aplicando a Tecnoloxía Doherty en banda ancha a transmisores e reemisores que se utilizarán nas últimas fases de cobertura dunha rede de TV.

“Ofrecen unha relación prestacións-custo inmellorable, ningún outro fabricante broadcast asumira este compromiso en favor da eficiencia aplicada ao aforro de enerxía e espazo”, afirma José M. Mariño, director de Vendas e Mercadotecnia de Egatel. “As canles de televisión necesitan facilidades fronte aos custosos gastos de mantemento e buscan sistemas fiables e de calidade”.

As novas series están preparadas para traballar en todos os estándares de TV dixital (DVB-T/T2, ATSC, ISDB-Tb) e foron especialmente deseñadas para cubrir as necesidades de instalacións de baixa potencia e con limitacións de espazo. Incorporan un avanzado sistema de precorrección dixital adaptativa que elimina as distorsións da etapa de potencia e un potente cancelador de ecos multiestándar, no caso dos gapfillers SFN, de altas prestacións. Un intuitivo Web GUI posibilita a xestión completa dos equipos en modo local ou remoto, o que fai que as tarefas de supervisión e mantemento sexan extraordinariamente sinxelas.

Tamén se exhibirá o ‘Smart LNB’, un equipo desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. Trátase dun dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novidoso transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. O terminal revolucionará o mercado SatCom, ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite como HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como aplicacións machine to machine (M2M): e-health, casa conectada, smart metering, etc.

(Fonte: Egatel)