Egatel presenta en NABshow 2014 os seus transmisores de televisión de alta eficiencia

Egatel acudirá como cada ano á feira especializada NABShow 2014 para presentar as súas últimas novidades en transmisores de TV. A exposición dedicada aos medios electrónicos de comunicación e de contidos terá lugar en Las Vegas Convention Center entre o 7 e o 10 de abril na Vegas (Estados Unidos).

Egatel presentará os seus novos transmisores UHF de alta eficiencia en banda ancha. A solución Doherty achegada pola empresa de Tecnópole é por primeira vez banda ancha, o que significa que é aplicable a toda a banda UHF e non será necesario que os operadores fagan ningún cambio nin modificación nos amplificadores ante un cambio de canle.
A tecnoloxía Doherty aplicada nos amplificadores proporciona un rendemento de ata un 42%, optimizando significativamente o consumo enerxético e, polo tanto, os custos de operación.

Con independencia da potencia ou sistema de refrixeración utilizado, Egatel ofrece os seus moduladores en deseños de 1 U 19″ para os estándares DVB-T/-H/T2, ISDB-T/TB e ATSC, cumprindo cos máis altos parámetros técnicos de calidade. A precorrección dixital adaptativa ofrécese de serie en todas as configuracións, facilitando a operación e o mantemento, e co uso de programas de control baseados en servidores web embebidos, memorias extraíbles con inserción frontal para a carga e descarga de configuracións, opcións de monitorización da RF, etc.

Finalmente é de destacar a consolidada oferta de Egatel en solucións de reemisores en baixas potencias, permitindo traballar igualmente en calquera estándar e coas máis altas prestacións en canceladores de ecos dinámicos, como así o testemuñan as referencias da empresa en todo o mundo.

(Fonte: Egatel)