Na caseta de Egatel poderanse ver os novos transmisores de TV de alta eficiencia-banda larga da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), tanto en refrixeración líquida como aire. A tecnoloxía Doherty, que optimiza a eficiencia dos transmisores, é por primeira vez banda larga, o que significa que xa non é necesario facer ningún cambio nin modificación nos amplificadores ante un cambio de canle.
Tamén se exhibirá o ‘Smart LNB’, un equipo desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. O ‘Smart LNB’ é un dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novo transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. O terminal revolucionará o mercado SatCom, ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite como HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como aplicacións de e-health ou casa conectada.