Egatel presenta en IBC2014 novos transmisores de TV de alta eficiencia-banda ancha

A Feira Internacional de Medios Electrónicos IBC2014 abrirá as súas portas entre o 12 e o 16 de setembro no RAI Convention Center de Amsterdam. A empresa de Tecnópole Egatel (link is external) estará alí para presentar as súas últimas novidades en transmisores de TV e, particularmente nesta edición, mostrar a súa nova liña de produtos no campo dos transceptores satelitais.

Na caseta de Egatel poderanse ver os novos transmisores de TV de alta eficiencia-banda ancha da serie WHET (Wideband High Efficiency Transmitters), tanto en refrixeración líquida como aire. A tecnoloxía Doherty, que optimiza a eficiencia dos transmisores, é por primeira vez banda ancha, o que significa que xa non é necesario facer ningún cambio nin modificación nos amplificadores ante un cambio de canle.

Tamén se exhibirá o ‘Smart LNB’, un equipo desenvolvido para o operador de satélites Eutelsat. O ‘Smart LNB’ é un dispositivo electrónico de última xeración equipado cun novo transceptor conectado á antena parabólica que dispón dunha canle de retorno de alta eficiencia. O terminal revolucionará o mercado SatCom, ao abrir a porta a unha ampla gama de servizos de TV conectada vía satélite como HbbTV, redes sociais, operacións de compra, consumo de contidos á carta, etc; así como aplicacións de e-health ou casa conectada.

(Fonte: Egatel)