Egatel participa nun proxecto para controlar pragas en bosques con drons

O centro tecnolóxico Aimen, a Universidade de Santiago e as empresas galegas Egatel, con sede en Tecnópole, e Ammi Technologies participan no proxecto Silva, para o desenvolvemento dun sistema de control de pragas e enfermidades en masas forestais por medio de drons.

O proxecto, liderado por Cotesa, aplicarase á xestión forestal sustentable de madeiras nobres, concretamente de cerdeira e nogueira, e de bosques de eucalipto. A solución desenvolvida terá un custo entre dous e cinco veces inferior ao das tecnoloxías existentes e, grazas á súa adaptación a drons de ala fixa, permitirá obter imaxes con maior resolución que os tradicionais sensores empregados en teledetección, incorporados a satélites ou avións. Tamén permitirá a monitorización dunha área extensa de bosque mediante o uso de ferramentas de información xeográfica, engade a nota de Aimen.

O proxecto Silva, financiado polo programa Feder Interconnecta 2015, conta cun presuposto próximo aos 2 millóns de euros, e seguirá vixente ata decembro de 2017. A explotación comercial dos seus resultados está estimada para 2019 ou 2020.

(Fonte: La Voz de Galicia)