O contrato de Egatel coa empresa hólding de Eutelsat xa terá reflexo na cifra de negocio deste exercicio. Pola primeira fase, que acaba de finalizar e que consistiu no desenvolvemento de produto (I+D), a tecnolóxica galega asegurouse uns ingresos de medio millón de euros. Pero o maior potencial deste acordo co grupo francés de telecomunicacións está na fase de produción, a punto de iniciarse.
Egatel fabricará equipos satelitais bidireccionais, é dicir, con capacidade para transmitir o sinal ao satélite e para baixalo dende este ao receptor. Os clientes finais son os fogares e empresas con necesidades de interconexión sen dependencia das redes fixas ou móbiles terrestres. Desta forma, Egatel posiciónase -coa súa tecnoloxía 100% galega- como fabricante de equipos para aplicacións interactivas como a televisión híbrida (HbbTV) e as plataformas pay per view. E ademais, accede a este potente segmento xunto ao líder Eutelsat Communications, que quere chegar co seu proxecto “Direct to Home” aos 109 países nos que opera. Os seus 37 satélites -con cobertura en Europa, Oriente Medio, África, Asia e gran parte de Norteamérica e Sudamérica- divulgan o sinal de 5700 canles de televisión (580 de alta definición) e de 1100 estacións de radio. Segundo datos da compañía, hoxe dá servizo a 250 millóns de fogares.
A dimensión de Eutelsat sitúa a Egatel ante o segmento de mercado no que quere concentrar os seus esforzos de I+D e de produción nos próximos anos. Javier Taibo, director xeral da emprea integrada en Comsa-Emte (segundo maior grupo español non cotizado do sector das infraestruturas e a enxeñería), asegura que “o potencial é moi grande e nos próximos anos, esperamos subministrar varios centos de miles de equipos baseados nos sistemas de comunicación machine to machine”.
Para o desenvolvemento de produto, Egatel necesitou a homologación do Goberno francés como tecnolóxica con actividade en I+D+i. O contrato con Eutelsat non lle impide manter a propiedade industrial en Galicia.
Egatel prevé facturar este ano 7,5 millóns de euros, máis do dobre que en 2013 (3,6 millóns). O mercado nacional recupera presenza este ano grazas ás vendas do segundo semestre polos efectos do dividendo dixital, que impón un novo cambio de canles na TDT antes do 31 de decembro.
África xerará o 40% da facturación
As vendas no continente africano tocaron teito nos 22 anos de historia da empresa. En 2014 van xerar o 40% da facturación total, é dicir, tres millóns de euros. En Tanzania e en Alxeria está a completar a segunda fase do despregamento da TDT, mentres que en Kenya logrou o seu primeiro contrato, a través dun crédito brando do fondo español para a internacionalización da empresa (FIEM). Nestes tres mercados, Egatel acumulou uns ingresos conxuntos por importe de 8 millóns.
Taibo resalta que a firma se posicionou como marca tecnolóxica de referencia en varios países de Latinoamérica e de África, aínda que compite cos grandes fabricantes de Alemaña, EEUU e Xapón: “Valórase ben a nosa tecnoloxía na fabricación de equipos de aplicación crítica. Un bo exemplo é Uruguai, onde todas as cadeas privadas usan os nosos transmisores”, precisa.
(Fonte: Expansión)