A dixitalización das comunicacións marítimas está un paso máis preto. O proxecto Satmar de Alén Space e Egatel prepara a validación en órbita do novo estándar VDES (VHF Data Exchange System). Esta iniciativa inclúe o deseño, fabricación, lanzamento e operación dun nanosatélite para avaliar a capacidade desta nova tecnoloxía para ofrecer novos servizos á industria naval e impulsar a súa transformación dixital.
O obxectivo de Satmar é probar nun escenario real a viabilidade dunha solución completa de comunicacións e servizos satelitais co estándar VDES. Este innovador proxecto, chamado a revolucionar as comunicacións marítimas en todo o mundo, é unha das iniciativas seleccionadas polo fondo de capital Ports 4.0, impulsado por Puertos del Estado e polas Autoridades Portuarias Españolas. Ademais da posta en órbita dun nanosatélite 6U, prevista para comezos do ano 2024, o proxecto tamén contempla o desenvolvemento de terminais embarcados e de estacións costeiras, un paso paso fundamental para avanzar cara ao despregamento real da tecnoloxía VDES.
Proxecto pioneiro
Satmar pretende demostrar a eficacia do novo estándar, que integrará o actual sistema AIS de comunicacións marítimas. Esta evolución permitirá ofrecer novos servizos para mellorar a seguridade das embarcacións. Entre as vantaxes da tecnoloxía VDES destacan a capacidade de proporcionar comunicación bidireccional, o mantemento da conectividade mesmo a grandes distancias da costa, a prevención de problemas de saturación de redes, a estimación máis precisa dos tempos de chegada das embarcacións, a mellor xestión das alertas marítimas e a encriptación da información transmitida. A incorporación dos satélites á tecnoloxía VDES supón un salto disruptivo que permitirá abordar a dixitalización das comunicacións no mar, xa que o seu desenvolvemento é clave para a transformación dixital do sector marítimo. Adicionalmente, para a execución do proxecto contarase coa Autoridade Portuaria da Baía de Alxeciras.
Fonte: Atlántico Diario e La Región