A crise provocada pola Covid-19 afectou principalmente ás pequenas e medianas empresas de España e, máis concretamente, ás microempresas e ás que teñen unha antigüidade inferior a 10 anos. Tendo en conta que as pemes son o motor da economía, o Consello Xeral de Economistas de España (CGE) e a Fundación para a Análise Estratéxica e Desenvolvemento da Pequena e Mediana Empresa (Faed peme), coa colaboración da Cámara de Comercio de España, elaboraron o informe sobre o impacto económico da Covid-19 sobre a peme en España.
Impacto no emprego
Para analizar o impacto da crise no emprego realizouse unha comparación entre os anos 2019 e 2020. Desta comparación extraeuse como conclusión que o 25,2% das pemes diminuíu o emprego; o 62,5%, mantívoo, e só o 12,5% aumentouno. As empresas máis prexudicadas foron as microempresas e as pequenas, cuxa evolución foi máis desfavorable.
Outro aspecto que se tivo en conta para analizar o emprego foi a presentación de expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE) ou de forma definitiva (ERE). As empresas que tiveron que acollerse a un ERTE ou ERE tamén tiveron unha evolución negativa.
No que respecta ao sector, houbo diferenza de danos pola Covid-19. O saldo de evolución foi máis desfavorable para as empresas de servizos, seguido polo sector comercio, construción e pemes industriais.
Caída das vendas
Para coñecer o impacto económico da pandemia foi necesario analizar os ingresos das empresas. O 52,6% das pemes viu limitadas as súas vendas en 2020: o 26,1% mantívoas e un 21,3% aumentounas. En liña co emprego, as empresas máis prexudicadas en canto a vendas foron as microempresas. Dentro das pemes, o impacto foi maior naquelas que tiveron que acollerse a un ERTE ou ERE. O sector que máis se viu afectado foi a industria, seguido dos servizos.
Outros indicadores
O nivel de facturación e a rendibilidade tiveron unha evolución negativa. A facturación afectou ao 64,3% das pemes e a rendibilidade ao 62,2%. En canto á débeda e liquidez, tamén é reseñable a evolución negativa. A porcentaxe sitúase por enriba do 40%. O nivel de débeda negativo nun 41,4% e o de liquidez nun 44,9%. Ademais, o 49,9% das pemes tivo que reducir considerablemente os investimentos.
Expectativas 2021
As expectativas que teñen as empresas de cara a 2021 son positivas pero moderadas. Sobre o emprego consideran que a tendencia será favorable, aínda que son as microempresas e pequenas empresas as máis optimistas. Así mesmo, as empresas que tiveron que acollerse a un ERTE son pesimistas, xa que cren que terán que reducir os postos de traballo. Os sectores que presentan unhas expectativas máis favorables para o emprego en 2021 son a construción e o comercio, respectivamente.
As previsións sobre as vendas están ligadas ao emprego. Un 25% de empresas considera que as súas vendas aumentarán, mentres que un 22,6% espera unha diminución. As expectativas de vendas máis optimistas proveñen das empresas medianas, cunha antigüidade superior a 10 anos e que corresponden ao sector comercio.
Fonte: Cinco Días