Durante este encontro os traballadores de Edisa coñeceron a fondo a nova versión do produto estrela da compañía, o software de xestión empresarial Libra, que sairá ao mercado a nivel mundial o vindeiro mes de novembro.
Edisa decidiu celebrar este evento en Ourense por tratarse da súa sede fundacional e porque é na Tecnópole onde a empresa ten o seu centro de I+D para todo o mundo. Os empregados foron recibidos polo presidente e fundador, Alfonso Amorín, e polo director xerente, Carlos Suárez.
Libra é unha plataforma tecnolóxica desenvolvida por Edisa para facilitar ás empresas a súa xestión diaria en todas as fases da cadea de manexo de datos, produción, comunicación ou distribución. “Trátase dunha plataforma completa, avanzada dende o punto de vista tecnolóxico, cunha metodoloxía na implantación dos proxectos que lles permite ás compañías conseguir prazos e resultados que hai uns anos serían impensables”, explica Carlos Suárez.
A plataforma, con adaptacións específicas para máis de 30 sectores, inclúe a día de hoxe máis de 2500 aplicacións que cobren a totalidade de procesos dunha empresa, integrando todos eles nunha mesma interfaz. A nova versión, denominada Libra 6, “optimiza a explotación de datos, a automatización de procesos, o traballo na nube, a mobilidade –coa súa adaptación a smartphones– e a integración en rede con todos os axentes cos que opera a compañía, desde os clientes e os provedores ata a administración e os bancos, ademais de incorporar as ferramentas máis avanzadas desenvolvidas polo noso partner tecnolóxico, Oracle”, detalla o director de Edisa.
(Fonte: Edisa e Tecnópole)