Edisa deseña un novo módulo de facturación electrónica

En España púxose recentemente en marcha unha plataforma central para actuar de intermediario entre os subcontratistas do sector público e os contratistas principais. Este sistema denominouse FACeB2B e a súa utilización é obrigatoria dende o 1 de xullo de 2018 para todos os subcontratistas do sector público, se ben moitas empresas aínda non coñecen esta obriga.

As compañías subcontratadas que traballen para provedores da Administración Xeral do Estado e todas as administracións públicas están obrigadas dende esta data a emitir facturas electrónicas aos contratistas e entregalas na plataforma FACeB2B, sempre que o importe sexa superior a 5000 euros. Non obstante, tamén poderán remitir á devandita plataforma as facturas de importes menores, xa que no momento da entrega da factura en FACeB2B, a factura é rexistrada e, a partir do devandito instante, o provedor poderá aplicar os xuros de mora a que lle autoriza a Lei de morosidade.

A empresa de Tecnópole Edisa desenvolveu un novo módulo para o seu software de xestión que se denomina LIBRA-FACeB2B, co obxectivo de facilitar o uso desta plataforma e estender a factura electrónica a todas as empresas, achegando un sistema robusto capaz de garantir seguridade ás empresas sobre as facturas que emitiu e recibiu e o seu estado.

A plataforma FACeB2B non dispón de portal web para a subida e descarga de facturas e todos os procesos de integración se realizan a través de WebServices. Dende Edisa precísase que este aspecto é importante, xa que non existe polo tanto a alternativa de utilización “manual” por parte das empresas da plataforma, requirindo polo tanto o uso dalgunha das posibles solucións existentes no mercado, como é o caso do seu software LIBRA.

(Fonte: Edisa)