A Xunta, a través da vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, convocou un total de 8,35 millóns en tres ordes de axudas destinadas á mellora dos parques empresariais para “renovar e modernizar estas infraestruturas, favorecer a creación de novas compañías e empregos, así como impulsar a competitividade”.
Así, resérvanse 3,25 millóns de euros para a modernización de infraestruturas: instalación de plantas de depuración de augas, xestión de residuos, infraestruturas viarias, sistemas de seguridade e vixilancia, instalacións de loita contra incendios, sistemas contra roubo de cable e, como novidade, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.
A estas axudas poderán acceder os concellos galegos, que recibirán un máximo de 120.000 euros por proxecto, cantidade que ascende aos 138.000 no caso de presentar unha solicitude conxunta. O prazo para presentar solicitudes remata o 28 de febreiro.
Construción
Por outro lado, destínanse 1,5 millóns a impulsar actuacións para a construción, reforma ou equipamento interior de naves industriais, creando un viveiro industrial de empresas. Os apoios están dirixidos aos concellos, que deben ser titulares das naves. A axuda máxima será de 240.000 euros e o prazo remata o 28 de febreiro.
Por último, a Xunta activará tamén unha orde de axudas para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que dá servizo ao parque empresarial. Os beneficiarios tamén serán os municipios, que poderán recibir un máximo dun millón. En total resérvanse 3.600.737 euros. O prazo estará aberto até o 26 de maio.
As tres liñas, de concorrencia competitiva, terán unha intensidade do 80% e contemplan anticipos de até o 25% da axuda concedida.
Fonte: El Ideal Gallego