Economía investirá 45 millóns de euros en cinco anos para desenvolver drons de uso civil en Lugo

A Xunta quere converter o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (Lugo) nun “polo de referencia” para toda Europa no desenvolvemento de drons para uso civil. Para iso prevé investir 45 millóns de euros ata 2020. Con este diñeiro (25 millóns de euros) buscará socios tecnolóxicos entre as empresas da automoción e o naval que estean interesadas no proxecto e tamén comprará tecnoloxía innovadora (20 millóns de euros).

O seu obxectivo é converterse nun centro de referencia punteiro no desenvolvemento de drons para uso civil, entre as aplicacións da cal estarán a prevención e extinción de incendios, a xestión de catástrofes, o salvamento marítimo, o inventariado e a xestión integral do territorio, o control do furtivismo e a elaboración de mapas de risco, así como a vixilancia costeira e a xestión de fluxos turísticos.

“Estamos a abrir oportunidades nun campo con amplas expectativas de negocio”, defendeu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O seu obxectivo é que Galicia sexa punteira no sector aeronáutico. “Teremos o primeiro centro de investigación en avións non tripulados de Europa, un centro de referencia en todo o continente e un polo industrial e de innovación con capacidade para atraer grandes empresas internacionais e crear emprego altamente cualificado na provincia de Lugo”.

A Xunta xa investiu 10 millóns de euros en adaptar as instalacións do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas. O seguinte paso agora é lanzarse á busca de socios. Para iso sacará 25 millóns de euros a contratación para que empresas do sector da aeronáutica, o naval ou a automoción presenten as súas ofertas. Terán que desenvolver un plan de investimentos, instalar centros de produción e crear emprego.

(Fonte: Faro de Vigo)