Economía e Industria informa en Tecnópole sobre as súas ferramentas para impulsar a innovación e a competitividade das pemes

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, invitou ao empresariado ourensán a botar man das diferentes ferramentas postas á disposición das pequenas e medianas empresas pola Consellería de Economía e Industria para impulsar a innovación e ser así máis competitivas.
Nunha xornada celebrada no Parque Tecnolóxico de Galicia, Varela Rey subliñou a oportunidade que supoñen para as compañías ourensás iniciativas como o Conecta Peme, que ten por obxectivo incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego e fomentar a cooperación público-privada a través do cofinanciamento de proxectos innovadores.

Mediante este programa, que prima os proxectos a desenvolver en Ourense e que está aberto á presentación de solicitudes ata o próximo 14 de febreiro, concederanse axudas que, no caso de proxectos de desenvolvemento experimental, serán de ata o 60% para as pequenas empresas e de ata o 50% para as medianas, mentres que no caso das iniciativas de investigación industrial as porcentaxes ascenden ata o 80% para as pequenas e o 75% nas medianas empresas.

Tal e como subliñou Varela Rey, acábanse de activar outras dúas novas liñas: a de investimentos innovadores, co obxectivo de incrementar a capacidade tecnolóxica das pemes; e a de fomento da propiedade industrial, que persegue a protección das innovacións mediante títulos de propiedade industrial para garantir a súa futura explotación.

Coas iniciativas abertas no que levamos de ano, xunto con outros instrumentos como o Fondo I2C, mediante o cal se avala a creación de empresas capaces de liderar o crecemento en sectores tecnolóxicos concretos, a Xunta espera mobilizar máis de 52 millóns de euros en innovación empresarial este ano.

En total, a Consellería de Economía e Industria arrancou 2014 con programas de axudas cos que poñen a disposición das empresas galegas preto de 45 millóns de euros e cos que se prevé mobilizar máis de 120 millóns para mellorar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación, a internacionalización e o emprendemento, nos que se presta especial atención aos proxectos a desenvolver na provincia de Ourense, ao amparo do plan Impulsa.

(Fonte: Consellería de Economía e Industria)