O consello da Xunta autorizou o pagamento de anticipios de ata o 80% libres de garantía sobre as axudas de preto de 11 millóns de euros que a Consellería de Economía e Industria convocará en breve para fomentar a investigación e a innovación empresarial e para incentivar os investimentos innovadores.
n
n
n
Estas liñas de subvención, amparadas no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015, abriranse á recepción de solicitudes nos próximos días a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e, por primeira vez, a presentación de propostas poderá formalizarse exclusivamente por vía telemática.
n
n
O Programa de Apoio ao Crecemento Empresarial mediante o fomento da investigación e a innovación empresarial (ACE), dotado con 8 millóns de euros, contempla subvencións a empresas para proxectos individuais e colaborativos de innovación tecnolóxica en materia de proceso ou produto, loxística e xestión e para a preparación de propostas de proxectos a presentar en convocatorias de I+D+i estatais e internacionais. Ademais, o programa contempla tamén axudas destinadas aos centros tecnolóxicos e clusters empresariais para o desenvolvemento das plataformas tecnolóxicas existentes en Galicia.
n
n
As subvencións a proxectos individuais e colaborativos de innovación tecnolóxica están destinadas a incrementar a competitividade das empresas galegas industriais e de servizos mediante o estímulo da innovación en calquera punto da cadea de valor e en todos os procesos da empresa. As axudas cubrirán o desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial, individuais ou cooperativos, de carácter non só tecnolóxico sobre procesos ou produtos, senón tamén para a implantación de técnicas de xestión da produción, técnicas de mercadotecnia ou técnicas loxísticas dende unha perspectiva de innovación aberta, é dicir, destinada a combinar o coñecemento interno co externo. En calquera caso, para ser obxecto de subvención, a innovación proposta debe representar unha novidade ou mellora substancial con respecto ao xa existente no seu ámbito e comportar un grao evidente de risco. Nos proxectos presentados por pemes as axudas poderán alcanzar o 35% do custo subvencionable para pequenas empresas e o 25% para empresas medianas. Nos presentados por grandes empresas poderán alcanzar o 15% do custo subvencionable.
n
n
Nesta convocatoria está prevista tamén a concesión de axudas ás empresas para a preparación de novos proxectos a presentar a convocatorias de axudas estatais e internacionais no marco das medidas do Plan I2C concibidas para impulsar a innovación aberta e o crecemento económico. As subvencións cubrirán a presentación de propostas de proxectos de I+D a programas do Plan Nacional, tanto individuais como en cooperación, así como de solicitudes a programas internacionais en cooperación, en particular o VII Programa Marco, o Programa CIP e os proxectos bilaterais e multilaterais do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), que deberán ser en todos os casos desenvolvidos principalmente no ámbito territorial de Galicia. Para as pemes estas axudas poderán alcanzar o 70% do custo subvencionable e para as grandes empresas o 60%.
n
n
Pola súa banda, as subvencións destinadas ao funcionamento das plataformas tecnolóxicas existentes en Galicia enmárcanse no eixe estratéxico referente ao sistema integral de apoio á investigación do Plan I2C. O obxectivo final destas axudas é promover o desenvolvemento de proxectos de cooperación no marco da axenda estratéxica de investigación definida por cada plataforma e que supoñan a participación en programas estatais e internacionais de I+D+I por parte das empresas e doutras entidades adheridas a ela. A concesión das axudas estará suxeita a unha serie de indicadores de valoración das propostas baseados na implicación dos solicitantes en dinámicas de innovación aberta; nos proxectos colaborativos promovidos -e as taxas de éxito e retornos económicos conseguidos grazas a eles-; no labor de transferencia de resultados de investigación á empresa; na internacionalización; na representatividade no seu sector; e na participación equilibrada de mulleres.
n
n
Investimentos innovadores
n
n
Os restantes 2,8 millóns de euros habilitados para conceder axudas proximamente ao amparo do Plan I2C teñen por obxecto incentivar a mellora competitiva das empresas, especialmente das pemes, mediante o incremento da súa capacidade tecnolóxica e innovadora. A convocatoria de Investimentos Innovadores para o Crecemento Empresarial (IICE) está destinada a facilitar o financiamento de recursos materiais específicos por parte das empresas para desenvolver proxectos de innovación destinados a poñer no mercado novos ou mellorados produtos e servizos.
n
n
As pequenas empresas poderán beneficiarse de subvencións de ata o 50% e as medianas de ata o 40%, mentres que no caso das grandes a porcentaxe se restrinxe a un máximo do 30% sobre o total do custo a xustificar.
n
n
As empresas galegas poderán solicitar estas axudas para a creación dun novo centro produtivo ou a ampliación dun xa existente, sempre que teña a finalidade de desenvolver novos produtos e procesos. Tamén para a diversificación da produción de cara a atender mercados de produtos novos ou para unha transformación fundamental de carácter innovador no proceso global de produción, así como para a dotación de departamentos de I+D+I nas empresas para ampliar a súa capacidade tecnolóxica e innovadora.
n
n
En concreto, será subvencionable a adquisición de maquinaria e de equipamento específicos para os departamentos de I+D+I, como poden ser equipos de laboratorio, ademais dos acondicionamentos necesarios para a súa instalación e funcionamento. Tamén se poderán solicitar axudas para a transferencia de tecnoloxía mediante a adquisición de dereitos de patentes, licenzas, know-how ou coñecementos técnicos non patentados.
n
n
(Fonte: Consellería de Economía e Industria)
n