Co obxectivo de desenvolver unha visión realista dun futuro non tan afastado, Kaspersky Lab recompilou os datos achegados polos seus propios analistas, así como por diversos científicos e artistas, ademais do futurólogo Ian Pearson, como explica a compañía. Os usuarios poden configurar a visión do futuro mediante o estudo de máis de 200 predicións e están invitados a achegar as súas propias ideas para que se engadan á web.
Desde Kaspersky Lab sinalan que “todas as previsións dispoñibles en Earth 2050 poderían converterse en realidade nun par de décadas”. Para isto, contaron coa achega dos seus propios expertos, que durante 20 anos loitaron contra o ciberdelito e foron testemuñas da evolución das ameazas. E é que, segundo explican, aínda que algúns inventos como os coches sen condutor poderían ser moi útiles, tamén traerían “buratos que crearían o escenario perfecto para os ciberdelincuentes”.
Polo momento, a web contén predicións para 80 cidades de todo o mundo. Os usuarios poden elixir calquera deses lugares e os resultados aparecerán no mapa. Ademais, o portal está dividido en décadas (2030, 2040 e 2050), cada unha das cales contén estimacións de recoñecidos expertos nos seus campos.
Os visitantes da web tamén poden consultar un total de 12 panorámicas de cidades como Barcelona, Washington DC ou Singapur, así como ilustracións de diferentes dispositivos do futuro. Deste modo, terán unha visión en 360ª sobre como poderían funcionar as cidades dentro dunhas décadas. ¿Poderemos crear roupa que cambie o seu estilo? ¿Son os coches sen condutor o futuro do sector do taxi? ¿Veremos anuncios mentres durmimos?
Ademais, os usuarios terán a posibilidade de cubrir un formulario achegando as súas propias predicións, que serán publicadas en Earth 2050. A páxina actualizarase periodicamente con novos contidos procedentes de expertos sobre como podería ser o futuro.
(Fonte: EP)