Galiciencia é a maior feira científica da nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación). Esta 17ª edición celebrarase no mes de maio de xeito presencial.
Ademais do concurso de proxectos, convocouse o concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2022. Este certame ía dirixido a todo o alumnado de Primaria dos centros educativos de Galicia. As propostas debían ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, a “Economía Circular”.
“Soña en Verde”
As gañadoras do concurso foron Matilde Tacón e Rita Doce, alumnas de sexto curso do CEIP Lamas de Abade de Santiago de Compostela. O título do seu debuxo é “Soña en Verde” e amosa a regra das 7R: reciclar, reducir, reparar, recuperar, renovar, reutilizar e redeseñar. Son as sete accións destinadas a conseguir unha economía circular e un futuro sostible para todos.
Ao certame presentáronse 300 debuxos de 13 centros educativos de Primaria de toda Galicia. Un xurado de expertos decidiu a proposta gañadora. As dúas rapazas premiadas recibirán camisetas para toda a súa clase, con exemplares tamén para os seus profesores e familiares. Así mesmo, distribuiranse camisetas entre o persoal da organización e entre o alumnado que presente os seus proxectos na feira.
Fonte: Tecnópole