Drons para mellorar a produción nas fábricas aeronáuticas

O Centro avanzado de Tecnoloxías Aeroespaciais (CATEC) está a levar a cabo un novo proxecto no que investiga o uso de drons para mellorar a produción nas fábricas aeronáuticas, así como a montaxe das estruturas de avións. Unha aposta innovadora dentro do marco da competición europea de robótica EUROC.

Arcow (Aerial Robot Co Worker in Plant Servicing), como se bautizou ao proxecto, basea todos os seus esforzos tecnolóxicos na automatización de tarefas que poidan ser desenvolvidas por robots ou sistemas non tripulados. Entre as vantaxes que proporcionan estes drons atópanse unha maior flexibilidade, unha rápida capacidade de resposta e a dispoñibilidade de operar ou desenvolver unha tarefa en cada momento.

Para iso, CATEC está a centrar o desenvolvemento da iniciativa en dúas aplicacións que prevén mellorar a produtividade ao reducir o tempo de operación e os custos de produción. Por un lado, localizar e identificar os elementos daniños no interior das estruturas aeronáuticas, e por outro mellorar a loxística nas operacións de fabricación e montaxe mediante o uso de robots aéreos. Estes encargaranse de desprazar os materiais.

Estes avances poderían supoñer reducir entre o 10-15% do tempo de procesamento e o 10% do tempo de execución de produción, o que permitirá mellorar o proceso produtivo e xerar beneficio para as empresas. Tanto CATEC como a Universidade de Sevilla, a outra parte que lidera o proxecto, contribuirán á mellora en todo o que teña que ver coas áreas de localización. Pola súa banda, Airbus DS, involucrado tamén en Arcow, encargarase de decidir que requisitos deben cumprir as aplicacións robóticas e cal será o seu uso.

(Fonte: Innovaspain)