Drons para estender desinfectante onde se prevexan aglomeracións

Un grupo de investigadores da Universidade de Vigo levarán a cabo este verán un proxecto innovador para combater os efectos do covid-19. O obxectivo é desenvolver un sistema de desinfección empregando dispersión de líquidos mediante drons en espazos onde se prevexa unha grande afluencia de xente. A idea é implementar un sistema de información xeográfica galega que determine as zonas susceptibles de levar a cabo a actuación.

O segundo obxectivo do proxecto é determinar as horas necesarias de operación e restricións de índole legal para esta desinfección, así como os recursos necesarios a nivel económico, de equipos e empresa operadora. Aplicarase un método de desinfección específica para garantir o seu correcto resultado.

A iniciativa, que será financiada con 55.000 euros pola Axencia Galega de Innovación da Xunta, foi elixida na convocatoria da Consellería de Economía para o desenvolvemento de proxectos innovadores fronte ao covid-19. O seu investigador principal será Higinio González, profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, completando o equipo os profesores Fermín Navarro, do mesmo centro, e Joaquín Martínez, da Escola de Enxeñaría de Minas; e o persoal investigador Luís Miguel González; Noelia Hariñas; Lorena Docasar e Alejandro Gómez.

O traballo desenvolverase de xuño a decembro deste ano. Este foi un dos oito proxectos elixidos nunha convocatoria á que se presentaron 160 solucións innovadoras fronte á pandemia.

Fonte: La Voz de Galicia