Drons montados no polo aeronáutico de Rozas (Castro de Rei) usaranse na loita contra os incendios forestais. O emprego deses aparellos xa estivo presente na campaña do 2020 e dáse por seguro que na de 2021 tamén se empregarán. Segundo fontes da Consellería do Medio Rural, o ano pasado utilizáronse doce, mentres que o número dos que se usen neste aínda non está concretado.
O emprego de drons e outras características -entre elas, o número de aeronaves non tripuladas- están recollidos no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga), que se elabora con carácter anual. O correspondente a este ano aínda non está listo; por tanto, non pode darse por seguro que se manteña o número de drons na loita contra os incendios ou que se incorpore algún máis. Os drons usados o ano pasado foron comprados pola Xunta.
Pero hai tamén outra posibilidade, a de alugueiro, pola que algunhas institucións públicas ten amosado interese. Esa é unha idea que se lle trasladou a Babcock, unha das empresas instaladas no parque tecnolóxico e industrial de Rozas. José Luís Saiz, director da área de Innovación da firma, explicou que o sistema de alugueiro tiña entre as súas vantaxes que se podía variar o número de vehículos non pilotados segundo os momentos do ano: así, detallou, pódense empregar máis drons na prevención e no control de incendios nos meses nos que os lumes están máis presentes.
A compañía ten un centro de investigación en Rozas, aínda que tamén vai iniciar tarefas de montaxe, como precisou Saiz. A utilización de drons, precisou, ten ademais a vantaxe de que non necesitan un descanso tras varias horas de voo, como si ocorre cos helicópteros, e de que resulta sinxelo o seu traslado dunhas zonas a outras en función das necesidades. Esa cuestión tamén é tida en conta pola Xunta no uso de drons para a loita contra o lume. Os aparellos non se asignan a un distrito forestal en concreto, senón que se empregan nunhas comarcas ou noutras dependendo das tarefas necesarias en cada unha.
Outras opcións
O emprego de drons pode ir máis aló da prevención e da loita contra o lume. O seu uso no control de queimas de restos e na supervisión de indicadores ambientais, que son a base para fixar o Índice de risco diario de incendios (IRDI), tamén é coñecido por responsables da Xunta, que estuda implantar esas posibilidades.
Fonte: La Voz de Galicia